O Sabio de Vilastose, un cura de almas e tamén de corpos

JUAN FÉLIX NEIRA PÉREZ

CEE

CEDIDA

Retallos novos da historia dun sacerdote que atendía moito máis que as doenzas de espírito

15 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Jesús Trillo

In memoriam

Deixamos ao cura Sabio, reitor da freguesía muxiá de San Cibrán de Vilastose, defendéndose das denuncias polas súas habilidades como pintor, que tantos prexuízos causaban nos artistas profesionais de Cee. Pero non era esta a faceta máis recoñecida do crego, senón a de sandar as doenzas dos seus fregueses, de aí sobre todo o alcume de Sabio.

Tan curiosa personaxe obtivo posto de honor na trama narrativa de Costa do solpor, de Xosé María Lema Suárez. Na memoria oral quedan aínda algunhas anécdotas dos seus rechamantes métodos para sandar. Algúns xa son coñecidos e están documentados en artigos varios, pero aínda é posible rescatar algún outro inédito, arrincándoo da memoria dos máis vellos. Así, Eliseo Canosa, veciño octoxenario de Senande, conta que «curaba aos enfermos de pulmonía e o método era envolvelos nunha saba e que deran voltas a rolos por un herbal de noite». Engade: «O que din é que co frío baixáballe a febre á xente e melloraba xa que nas casas tendían a tapar máis aos enfermos e aumentáballe a febre».

Queixas dos médicos

Así mesmo, non sabiamos tampouco que tamén no exercicio de médico, como no de pintor, suscitou algunhas críticas que chegaron ao palacio arcebispal. Na mesma misiva enviada ao arcebispo en 1881 -da que falamos aquí hai uns días-, na que o Sabio se defende das queixas dos pintores, este teme que emerxan igualmente as dos médicos, acaso porque o consideraban un intruso profesional: «Estoy temiendo que llegue a Vuestra Eminencia otro parte de los médicos, sobre varias consultas que doy en medicina, sobre lo cual ya advierto a Vuestra Eminencia que si doy algunos remedios es siempre evitando el incurrir en irregularidad, cuando hay evidente necesidad, y sin operación de ninguna clase». José Díaz argumenta, como non, a súa tripla condición de sacerdote, pintor e galeno: «Aparte del estudio de la pintura, también leo muchas veces las obras de los médicos por haber ejercido mi difunto padre la facultad, y me duele el corazón el ver muchas veces enormes desatinos en las consultas de los médicos, en su mayoría materialistas e ignorantes, faltos de criterio y de sentido común. Si en esto hago mal, Vuestra Eminencia lo dirá si tiene a bien».

Prezos esaxerados

A acusación de materialistas referíase se cadra aos prezos esaxerados que cobraban -como os pintores- á pobre xente; máis curiosa é a crítica pola ignorancia do oficio, feita por un afeccionado como el, partidario de aplicar sinxelos remedios, baseados no sentido común que bota en falta nos licenciados. A denuncia por pintar foi cualificada como «infundada» pola autoridade eclesiástica, pero resulta significativo que, no tocante á medicina, ao Sabio se lle reclama prudencia: «Puede usted continuar como hasta aquí en la forma que me expresa [refírese á pintura], evitando el incurrir en irregularidad en cuanto a la medicina».

Ecos esvaecidos

Certamente, hoxe podemos escoitar aínda ecos moi esvaecidos do que puido ser este receo dos médicos profesionais, pois circula unha anécdota segundo a cal estes terían intentado envelenar ao Sabio cun biscoito. Outro veciño de Senande, Manuel Rodríguez, de 76 anos, afirma que o cura era un «calculista, un especialista que daba remedios caseiros como viño fervido con azucre ou tés», e que os responsables do tóxico biscoito «eran os de Santiago, que non querían que curase á xente».

Bastante relacionado co noso protagonista está o lugar de Santa Mariña, na parroquia de San Pedro de Coucieiro; alí, en Casa Trillo, consérvanse manuscritos e fotografías súas. Pero el non naceu aquí, senón nos Pasantes, moi preto, o 21 de abril de 1850, e foi bautizado co nome de José Patrocinio. Na súa partida bautismal confirmamos o que el di sobre a profesión paterna, pois era «hijo legítimo de Don Clemente Dias, Cirujano, y de Doña Rosa Arosa, vecinos del lugar de Pasantes». O feito de ser fillo dun médico cirurxián -a denominación habitual na época- explica, como acabamos de ler na súa carta por confesión propia, a actividade médica extraoficial que practicaba. O pai era natural de «santa María de la Villa de Cé» [sic], e a nai de san Xulián de Moraime. Do acomodo social da súa familia tamén dá fe a condición do padriño, o «licenciado Don Ramón Pose y Canosa», en tanto que a súa madriña foi Bernarda Arosa, ambos veciños dos pais. O tratamento de don e dona outorgado aos avós revelan tamén que se contaban entre o número dos favorecidos naquela sociedade desigual: tanto os paternos, «Don Vicente Dias oriundo de san Pedro de la Villa de Muros, y Doña Francisca Dias Pérez Porrúa de la indicada de Cé»; como os maternos: «Don Manuel Arosa y Doña María Muyño, naturales de Moraime».

«Non lle viría nada mal á veciñanza a axuda do crego, nunha parroquia paupérrima» 

Morreu José Díaz en 1932, aos 82 anos, segundo a lápida da súa sepultura, xa en parte case ilexible e situada ante a porta principal da igrexa. Poderiamos consideralo, pois, un «vedraño de Vilastose», en palabras de Santi Garrido, que falaba nestas páxinas en 2008 sobre a avanzada idade de moitos veciños desta parroquia. É mágoa non podermos indagar ata que punto a vida se alongaba tanto neste lugar, xa que a casa do cura de Vilastose en Senande, entón Jesús Quintáns Mouzo, sufriu un incendio en 2002.

Imposible abrir os libros

A arquiveira que foi buscar os despoxos da documentación parroquial evocounos o cadro triste e desolador: era imposible abrir os libros, pois desintegrábanse nas mans, eran xa po antes de converterse en nada, por dicilo con conceptos quevedianos.

Descansan hoxe, inútiles, nos seus estantes composteláns. Gran parte da historia de Vilastose, así pois, perdeuse para sempre.

Extrema pobreza

Sen dúbida non lle viría nada mal á veciñanza a axuda do crego -parece que non cobraba pero si aceptaba agasallos- nunha parroquia paupérrima, como case todas as da época.

Nunha carta enviada en 1882 desde Villestose [sic] ao cardeal arcebispo Miguel Payá y Rico, o Sabio dille ao seu prelado que non pode contribuír nin con fieis nin con cartos para honrar ao papa.

Lamentable é a estampa que nos pinta, dado que a parroquia «de 96 vecinos, caseteros o jornaleros próximamente la mitad, agobiados con innumerables impuestos y contribuciones exorbitantes, llenos de desconsuelo por lo poco favorable que se presenta el tiempo para la producción de toda clase de frutos, no se halla en aptitud de dar ningún peregrino, al momento, para ir a Roma, ni limosna para Su Santidad. Dígnese recibir esa pequeña limosna de mi pobreza para el Santo Padre y dispensarme por no ser más».

Cura animarum

Un cura: iso era José Díaz Arosa, un cura animarum, un cura de almas, un médico do espírito dos seus fregueses, que tal é o sentido da palabra cura. Pero quixo ser tamén un cura corporum, un cura dos corpos.

Non foi o único na comarca. Algún outro houbo, non lonxe de Vilastose, que exerceu igualmente como profesor de latín dun futuro médico que abandonaría a medicina para ser gloria e honra das letras galegas.

Mais esa é outra historia, outra interesante, curiosa e fermosa historia.