«Temos como aval o que fixemos, foron os anos da maior expansión de Cee»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

CEE

XESÚS BÚA

OS NOVOS ASPIRANTES ÁS ALCALDÍAS | Antonio Domínguez, o que foi rexedor de Cee ata o 2007 volve á política activa para ter maioría absoluta, non contempla outra posibilidade

03 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Antonio Domínguez (Xallas-Cee, 1955) foi alcalde entre o 2001 e o 2007, cando perdeu a maioría absoluta. Foi concelleiro do PP na oposición ata o 2011. Agora volve como cabeza de lista popular,

-¿Por que deixou a política?

-Naquel momento estaba moi queimado e cando estou en algo estou ao 100 %. Houbo unha campaña de mentiras contra min e tiña ganas de deixalo. Tiven menos votos porque a xente notou iso.

-¿Por que volve agora?

-Estiven moi enfermo, a piques de morrer e nos dous meses que pasei no hospital de A Coruña visitoume cantidade de xente, non esperaba todas esas mostras de cariño. E os que non viñeron sei que preguntaban. O 8 de setembro do 2016 déronme a alta e o 15 había un mitin do PP en Cee. Pedinlle a muller un traxe para ir. Díxome que estaba tolo, pero aquel día iniciei o camiño e non houbo volta atrás. Prometín que se a saúde o permitía volvería a presentarme.

-Pero o súa candidatura provocou algún problema.

-Zaira dixo que nin quería volver e foi cando me chamaron para poñer en orde a agrupación. Daquela xuntáranse uns cuantos dicindo que non me puxeran a min sen contar con eles. Déronse de baixa 30 e os que valían xa volveron. Os que quedaron fóra están mellor aí. Son xente que lideraba Manolo Soto, que era do PP no 95 e que fixo algo parecido, pero na asemblea eu saquei 200 e pico e 5 en contra. Foi a Independientes por Cee, pero ao ganar a absoluta volveu ao PP. En maio calculo que volverá outra vez.

-¿A política local ten moito de persoal?

-Todo. O partido é importante, pero máis é o candidato e os colaboradores. As ideas políticas non dan moito xogo na política municipal. Se hai que arranxar o centro de saúde é porque está mal, non porque un sexa de dereitas ou de esquerdas. Os temas locais son máis ben de xestión.

-En Cee resulta difícil imaxinar o resultado das eleccións con tantos partidos.

-Pois eu o teño clarísimo. O PP vai sacar sete concelleiros, os outros seis que os repartan como mellor lles pareza,

-¿Que vai facer se non consegue a maioría absoluta?

-Non contemplo esa posibilidade.

-Pero xa pasou no 2007.

-Aínda que saque a absoluta contarei cos demais grupos igual que practiquei cando fun alcalde. No 2007 fomos o partido máis votado, pero era outra cousa. Agora temos como aval o que fixemos, foron os anos da maior expansión de Cee. Nos seis anos que estiven de alcalde o municipio avanzou nun tempo récord. Cumprimos o 150 % do noso programa. Xa estivemos gobernando e falemos o que falemos, nós xa o fixemos.

-¿Haberá moitas novidades da lista?

-Hai moita xente moza, que aporta sabia nova, pero tamén experiencia. O único problema coa lista é que hai moitas persoas válidas que se brindaron, que teñen ilusión, pero non poden entrar todos. Hai moita ilusión por traballar por Cee.

«Teño 24 horas libres ao día e dedicareime en corpo e alma»

Antonio Domínguez ten moi claras as prioridades se sae elixido alcalde. A principal sería implicar a todos os grupos municipais, «contar con todos por igual».

-¿Que pensa facer primeiro a nivel de xestión?

-Unha das primeiras actuacións será a reparación do centro de saúde a o traspaso ao Sergas e tamén a apertura da piscina, porque canto máis tempo pase máis complicado será facelo. Pero hai moitas cousas no noso programa. De cando fun alcalde quedoume pendente a residencia e o centro de día. En Cee somos 1.800 pensionistas para só 7.500 habitantes. Para un pobo que envellece son servizos fundamentais. Tampouco o polígono ten os servizos como é debido. Pero eu teño 24 horas libres ao día e dedicareime en corpo e alma.

-A situación económica está complicada.

-Ferroatlántica tiña 600 traballadores e agora non son máis que 200, pero temos que dar grazas ao hospital, que emprega a máis xente. Para a creación de postos de traballo temos que colaborar todos, os partidos e os concellos da volta, non podemos illarmos. O turismo estase desenvolvendo ben, pero temos que continuar en conxunto, toda a Costa da Morte. Por certo, o Virxe da Xunqueira foi tamén grazas ao PP.

-Pero cada vez hai menos xente.

-É unha cuestión comarcal. Cee é moi fácil de vender porque temos de todo. O alcalde ten que ser o gran comercial do seu pobo. Tiñamos piscina, que era algo que atraía a moita xente e é algo que temos que solucionar. Estamos sendo periferia, toda a comarca. Non é cuestión de buscar culpables senón de xuntarmos e buscar solucións.