O cura Sabio de Vilastose, acusado de intrusismo profesional

juan félix neira pérez

CEE

CEDIDA POR NEIRA

O sacerdote José Díaz Arosa, que naceu en Santa Mariña, destacou pola súa habilidade artística

25 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Gran sorpresa causarían a moitos lectores as pinturas parietais na sacristía muxiá de san Cibrán de Vilastose, das que Marta López informou días atrás nestas páxinas. Entregado a tarefas que non veñen ao caso, quen isto escribe atopounas por casualidade hai xa tempo, grazas á amabilidade da veciña Mari Iglesias. Son obra do cura párroco José Díaz Arosa, alcumado o Sabio de Vilastose, nacido de Clemente e Rosa arredor de 1838 no lugar de Santa Mariña na freguesía contigua de San Pedro de Coucieiro, e falecido en 1932 aos 94 anos na de Vilastose.

Á parte da sensación parcial de esbozo da escena pintada, o martirio de san Cibrán, patrón da parroquia, destaca pola súa austeridade cromática de cores terrosas, e por un debuxo bastante digno, cunha consecución de volumetrías e perspectivas non accesible a todos. Emociona aínda máis pensar que, se ben o crego puido servirse tamén dalgunha ilustración ou gravado vistos en libros devocionais, é posible que para os espectadores que contemplan o martirio (na parte dereita da composición) se inspirase en fregueses de Vilastose: semellan inxenuos nenos da catequese, aprendendo en vivo e en directo como morre un mártir cristián. De podermos confirmar esta hipótese, a obra cobraría un interese e significado especiais. Por outra banda, se cadra tamén é produto dos pinceis do cura Sabio o medallón do baptisterio, pintado coa escena de san Xoán Bautista bautizando a Cristo no Xordán.

CEDIDA POR GONZALO LIÑEIRO

A singularidade deste crego Díaz Arosa non pasou desapercibida a X. M. Lema Suárez, quen lle outorga categoría de personaxe fundamental na súa novela Costa do solpor, que satisface os requisitos clásicos da boa literatura: aproveitar e entreter. Son ben coñecidas as habelencias presuntamente sandables deste cura, pero non as pictóricas, e especialmente as suspicacias e anoxos que estas causaron. Delas imos falar a continuación.

Amén de delicioso, o asunto non carece de interese para reconstruír a historia da arte relixiosa das parroquias da nosa bisbarra. José Manuel Nimo, pintor de Cee, quéixase ao arcebispo compostelán, o cardeal Miguel Payá y Rico, do detrimento que lle ocasiona o cura Sabio, pois este tamén se dedica a pintar. Ben o vemos na sacristía de Vilastose, abofé. O crego alega que cobra moito máis barato cando pinta imaxes que lle traen os seus colegas os párrocos, e incluso cita a Mayán, outro pintor de Cee, ao que lle reprocha que cobra moito máis. Nimo e Mayán foron, por certo, consolidados pintores de arte relixiosa en toda a Costa da Morte, como demostraron os estudos doutorais de López Vázquez, Lema Suárez e López Añón. O Sabio tamén se laia dos médicos… pero esta é outra historia digna de contar noutra ocasión.

Non foi a memoria oral a que transmitiu estes feitos, como no caso dos seus remedios salutíferos, senón documentación inédita do arquivo diocesano.

Nunha carta ao arcebispo, datada en Cee o 26 de marzo de 1881, escribe o agraviado pintor Nimo «que desde que vino para la parroquia de Villestose [sic] el actual cura José Diez Arosa observó el exponente gran baja en las obras de su profesión, y habiendo averiguado la causa resultó que era debido a que dicho cura con absoluto desprecio de la suya, se dedica a la pintura de cuantas efigies y altares se le presentan por ajustes alzados, como lo verificó en las iglesias de Finisterre, Duyo, Moraime, Ozón, Coucieiro y Salgueiros».

E continúa: «El exponente no hubiera molestado la atención de Vuestra Eminencia si con las obras que ejecuta dicho cura no se le privase de lo que precisa para sostenerse humildemente con la numerosa familia, pues a pretexto que no paga ninguna contribución de subsidio, como la satisface el que dice, no repara en los ajustes que hace en perjuicio del exponente, a quien obliga por tal modo a perecer de hambre. Si esto es evidente, dejo a la consideración de Vuestra Eminencia la calificación de su conducta, pues no cree que a un cura que debe dedicarse constantemente a los oficios de su santa misión, pueda autorizársele para ejercer una profesión extraña alejando en abandono su parroquia».

De aí que solicite amparo ao arcebispo para que don José «se abstenga de ejercer la profesión de pintor y se dedique exclusivamente a la cura de almas de su parroquia».

Palabras de defensa

No mesmo folio, podemos ler a resposta de Díaz Arosa, catro días máis tarde. Paga a pena reproducir íntegras as súas palabras de defensa: «Que lo que el exponente dice es cierto en parte; mas falso y muy falso en muchas cosas que hacen variar el sentido de la oración y patentizar su mala fe. Es cierto que pinté los retablos principales de Finisterre, Duyo, Moraime y de S. Martín de Ozón; mas ¿cuándo? Cuando todavía no era párroco. Ante la baja en las obras, ¿pero qué culpa tengo yo? Que eso de que so pretexto de que no pago subsidio pinto por alto dando de baja el valor de la pintura, contesto que eso es adivinar o juzgar temerariamente; pues será por eso o será por otra cosa».

Ademais, considera unha «calumnia» que non cumple a «cura de almas»; é obvio que Nimo, aproveitando a súa queixa por motivos profesionais, non perde ocasión de afear o pouco celo pastoral do sacerdote, facendo ver que ese é precisamente o seu oficio, e non xogar a ser pintor.

Moito máis barato, e ademais cun traballo de gran calidade

O Sabio non se limita a contestar a esta carta, senón que escribe outra motu proprio para informar con detalle ao prelado.

Escrita na reitoral de San Cibrán, o 31 de marzo de 1881, nela recoñece que, cando os curas lle traen unha imaxe, a pinta, «lo cual hago de buena gana, atendido a que con eso no creo que cometa falta de ninguna clase y además a que hago un favor a la iglesia por hacerlo módicamente. Debo manifestar además que siento en gran manera no tener pintados todos los altares e imágenes de la Diócesis a fin de evitar tanto despilfarro como se comete con las iglesias, tanta falta de caridad y de fe, de honor y de humanidad que se nota tratándose de las cosas de Dios».

Prezos desorbitados

Segundo lemos, Díaz Arosa aposta pola contundencia, ata tal punto que está disposto a dar nomes propios:«La prueba, entre otras muchas, está en que por pintar el altar mayor de Duyo poniéndole todas las molduras doradas le llevaba un pintor, del pueblo de Cé [sic] de donde es el exponente, llamado Mayán, la cantidad de 8000 reales y yo se lo hice con la mejor pintura y aceites y dorados por la módica cantidad de 1500 reales. Al difunto cura de Moraime le pedían 8000, y yo por los 1500 reales dichos. Lo que digo de los de aquí lo digo de Santiago también, donde es escandaloso lo que piden, y si fuera lego, o más bien dicho, seglar, aun cuando me asesinasen como al Emperador de Rusia, les había de quitar las mañas que tienen».

Xenio e figura, este sabio cura conclúe, moi enfático el: «Eminentísimo Señor: si cuanto digo no es verdad, consiento que no haya mas compasión conmigo y que se me corte la mano derecha o la cabeza; y ruego que tome las medidas que quiera y determine lo que crea justo y oportuno, encontrando siempre en mí un súbdito humilde y obediente».

 A carta continúa porque ten que defenderse noutras trincheiras, pero ese é outro tema… Por unha nota á marxe na misiva coñecemos a resolución do caso: a queixa do pintor ceense por intrusismo «salió infundada». Dous anos máis tarde, en 1883, o noso protagonista segue promovendo a decencia do mobiliario eclesiástico, pois solicita nunha carta a «aprobación de haber invertido 800 reales en pintar el retablo del altar mayor sin permiso». Imaxinámolo exercendo a pintura confiado e a módico prezo -como dicía el-, sabedor de que contaba co apoio do seu Prelado. Na medida en que a economía eclesiástica o agradecía, curar almas era compatible con pintar imaxes. O cura Sabio, o pintor intruso segundo os profesionais de Cee, gañara a batalla.