«Segue faltando moita xente nova que acuda aos espectáculos culturais»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CEE

Ana Garcia

Xa en marcha o Mes da Fundación Fernando Blanco, cun programa cheo de actividades. Cóntao o coordinador do museo e secretario da Fundación, Darío Areas

08 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre axudas da Deputación e o patrocinio do tecido empresarial da localidade, dende a Fundación Fernando Blanco deseñan anualmente todo un mes de actos para render homenaxe ao intelectual ceense. Darío Areas, coordinador do museo e secretario da Fundación, conta os detalles.

-Como lles foi a Marta Ortiz e Sofía Espiñeira con «Matrioskas»?

-Pois o certo é que moi ben, e máis tendo en conta que, ao ser sábado, había «competencia» [ri] en localidades próximas, como Vimianzo ou Muxía, onde tamén había teatro. Pero non temos queixa, a verdade é que temos un público que é moi fiel aos actos do Mes da Fundación. E, ademais, sempre intentamos traer propostas distintas, que non se viran nunca na Costa da Morte, polo que tamén é un incentivo.

-Cheo o auditorio?

-Ui! Encher encheron Carlos Blanco e Luís Davila, e cando se representou Eroski Paraíso [ri]. O auditorio de Cee ten máis de trescentas localidades e é moi difícil completar o aforo, pero aínda así creo que habería máis de cen persoas, polo que moi contentos.

-Só teatro e música este ano.

-Polo xeral incluiamos conferencias, si, pero este ano os dous poñentes que tiñamos en mente non podían vir, polo que finalmente cinguímonos ao teatro e á música. En Cee hai unha grandísima tradición teatral, en boa parte nacida no Fernando Blanco. Creo que por iso a xente o valora tanto e acode ás citas.

-Que teñen preparado para o que resta de mes?

-Pois, ademais deste primeiro espectáculo que tivemos o sábado, esta fin de semana estará un rapaz pontevedrés moi polifacético, Marcelo Dobode, que fará un concerto comentado. Soa así algo raro [ri], pero non deixa de ser unha mestura de charla e concerto, aínda que predominará o aspecto musical, claro. O día 20 teremos a tradicional ofrenda floral no sepulcro de Fernando Blanco e serán os mozos que recibiron as bolsas da Fundación os que porten as coroas.

-E o gran Quico Cadaval...

-Ese mesmo día, ademais. Falar de Cadaval é como falar do Real Madrid ou do Barcelona no ámbito do fútbol: é do mellor que hai na escena galega, xunto con Carlos Blanco e Cándido Pazó, ao meu parecer. Xa estivo con nós noutras ocasións e esta vez terá un monólogo con temática baseada na Guerra Civil. A última peza para público xeral será un concerto do dúo Falúa, con Sara de Sousa á voz e Gonzalo Goás aos instrumentos, que traerán «Músicas da lusofonía».

-E que presentarán para os rapaces dos colexios?

-Esa parte do programa comeza mañá, de feito, cun espectáculo ao que, ademais dos nenos dos colexios, tamén convidamos aos usuarios de Aspadex. É unha función teatral cunha mensaxe moi bonita de amizade entre un neno do Congo e unha rapaza galega. Tamén haberá un contacontos con Caxotos e un espectáculo de narración oral con Raquel Queizás, que lles ensinará aos nenos que as pedras non só son pedras, senón que algunhas, como os petróglifos, teñen gran valor.

-Os mozos dos institutos si que presenciarán algunha charla.

-Iso é. Por unha parte teremos o xoves 25 unha conferencia de Sabela Oca e Alexandra Bello -dúas rapazas que traballan en CLUN- sobre o poder dos alimentos. E ademais tamén virá Casto Rivadulla [Doutor en Bioloxía e profesor de Fisioloxía na UDC] que falará do funcionamento do cerebro, das neuronas etc. Cousas que se me quedan algo lonxe, porque eu son de letras puras [ri], pero que é superinteresante. Hai tempo viñera Xurxo Mariño a falar de algo similar e fora a conferencia que máis gustara de todas as edicións. Non só os temas son atractivos, senón que eles o fan tamén interesante.

-Que tal funciona o museo?

-Pois vimos de adoptar o horario de inverno [martes a venres, de 10 a 13 e os sábados de 10 a 13 e de 17 a 19 horas] e a partir de agora funcionaremos moi ben cos colexios, que veñen de visita.

-Os nenos amosan interese pola colección exposta?

-A maioría vanse moi sorprendidos. Os de Cee non tanto, porque xa o coñecen, pero si os de fóra. Dende a historia que se relata da emigración, ata a propia edificación do instituto ou o feito de que un home destinase a súa fortuna ao pobo, e non a gastala en viaxes ou vicios.

-Aínda haberá quen non coñeza a historia de Fernando Blanco.

-Pénsoo moito cando a xente colga as fotos das súas viaxes nas súas redes sociais: o Prado, o Louvre... E teñen un museo aberto ao lado da casa dende hai moitos anos e aínda non o pisaron. A xente maior coñece ben a súa historia, os novos... non tanto. Falta moita xente nova, en xeral, nos espectáculos culturais. A media de idade é moi elevada, e por iso facemos tanto fincapé en difundilo a través dos colexios.