Santiago López Insua: «Buscamos a quen máis nos necesite»

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

CEE

JORGE PARRI

O psicólogo fisterrán está ao fronte da oficina que abre hoxe ao público en Cee

27 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O psicólogo Santiago López Insua (Fisterra, 1977) é o novo coordinador comarcal da Cruz Vermella, que comeza hoxe a operar no baixo do Concello de Cee, inaugurado onte polo alcalde Ramón Vigo, a concelleira Pilar Iglesias, e a presidenta provincial da Cruz Vermella, Mercedes Casanova.

-¿Que papel vai desempeñar neste novo servizo e nestas instalacións que están estreando?

-En principio, como estamos empezando, vou facer eu un pouco de todo para ver como funciona. Despois se fixese falta máis persoal pois teríase en función do que vexamos necesario.

-Teñen, como entidade, unha estrutura un pouco dual ¿Non?

-Somos un entidade de voluntariado, que nacemos como unha entidade de voluntariado -que é o piar fundamental noso, porque sen el a maior parte das cousas que facemos serían imposibles- e despois temos o persoal técnico de Cruz Vermella, o remunerado que, basicamente, o que facemos é xestionar o voluntariado. As actividades todas que desenvolvemos fanas eles, o que pasa é que para que todo iso funcione ten que haber alguén que o coordine, que os forme, que lles diga como teñen que facer as cousas.

-¿A que necesidades pensan que lle poden dar resposta na Costa da Morte? ¿En que se diferencian das dunha cidade?

-Eu veño de traballar como coordinador en Santiago e non te creas que é moi diferente. Si que en cidades como Santiago ou A Coruña te atopas con xente que non ten recursos e tampouco non ten ningún tipo de apoio familiar e iso nos pobos pequenos é máis difícil, porque sempre hai algunhas redes, alguén que che pode botar unha man. Pero despois o que imos facer nós é basicamente o mesmo: axudar a xente que ten poucos recursos, ben a nivel económico, de busca de emprego, do que sexa. Imos traballar tamén con persoas maiores e incluso con nenos. O que queremos facer é chegar a todos os colectivos, buscar a quen máis nos necesite e despois irnos adaptando ás necesidades que nos poidan ir xurdindo aquí na zona. A través dos concellos irannos dicindo un pouco as necesidades que teñen para que nós co noso voluntariado e cos nosos recursos poidamos traballar esas necesidades.

-A situación é ideal.

-Si. Sempre pensamos que Cee era o sitio idóneo, porque é o centro da comarca, onde hai máis estrutura, máis industria, máis poboación. Todo o mundo ten que vir a Cee a algo. As administracións están aquí, Facenda, médicos.... Así que imos centrar o traballo aquí en Cee, pero tamén tentar expandirnos ao resto da comarca.

-¿Tamén teñen por diante un traballo en canto a visibilidade?

-Temos aí unha materia pendente de explicar o que facemos, porque a maioría da xente á que lle preguntes pola Cruz Vermella aínda cha relaciona coas ambulancias. É algo que nós dicimos sempre porque hai algo que non estamos facendo ben, explicar cal é o noso traballo. Por suposto que as ambulancias é unha parte moi importante da nosa actividade, porque vas a un concerto ou a unha proba do que sexa ou hai unha catástrofe como foi o tema do Alvia sempre ves unha ambulancia da Cruz Vermella, pero anda que non facemos cousas. Por iso temos pendente dalo a coñecer e aquí o que faremos serán campañas, xornadas de portas abertas para difundir o que facemos aquí na comarca e en toda a provincia.

-¿Aspiran a conseguir máis voluntariado na zona?

-Agora mesmo ese é o noso obxectivo primordial. O que queremos facer aquí se non conseguimos un mínimo de voluntarios non imos conseguir facelo, porque eu só non vou poder chegar. Aquí como en calquera outra asemblea. Se non temos voluntariado non podemos existir. Por iso queremos facer un chamamento a toda a poboación. Xa non falamos dun día enteiro, senón dunhas horas á semana ou dunhas horas cada 15 días, que se poidan achegar por aquí a botarnos unha man.

-¿Ten experiencia aquí na comarca?

-Os meus inicios foron hai moitos anos como técnico de drogodependencias de Neria. A vantaxe que teño é que son de aquí e coñezo moita xente, o que me vai facilitar un pouco todo. Aínda que é certo que a nivel laboral, dende aquela é a primeira vez que traballo por aquí. Estiven sempre Coruña-Santiago.