«É unha forma de reivindicar o uso da bici»

Melissa Rodríguez
MELISSA RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

CEE

JOSE MANUEL CASAL

Julio López, xerente da gasolineira e do taller de bicicletas Bazarra, patrocina por vez primeira o Día da Bicicleta en Cee

24 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Julio López (Boimorto, 1967), xerente da gasolineira e do taller de bicicletas Bazarra, uniuse este ano ó patrocinio do Día da Bicicleta de Cee, que chega este domingo á localidade a partir das 11.00 horas dende o Centro Comercial Finisterrae. E ten varios motivos para facelo. O primeiro, o seguinte: «É como regresar ás orixes, porque a gasolineira está de 50.º aniversario o vindeiro ano, e o primeiro ó que se dedicou cando abriu foi a vender gasolina e a arranxar bicicletas», comenta. En segundo lugar, que o seu negocio leva toda a vida apoiando todo canto deporte hai no municipio ceense: «Ó club ciclista, ó de atletismo, ó fútbol, ó baloncesto...», explica. Pero ten moitos máis argumentos.

Julio opina que hai que empregar «moito» este medio non contaminante, pero que hai moitos impedimentos «institucionais» para facelo: «Non hai camiños específicos para que circulen as bicis, nin tampouco lugares para deixalas aparcadas... Faltan moitas cousas». É precisamente neste sentido polo que desexa que este domingo asista «moita xente» á cita deportiva organizada por La Voz de Galicia e Radio Voz, en colaboración do Concello, das forzas de seguridade e do Club Ciclista de Cee, así como do patrocinio de Centro Comercial Finisterrae, Suministros Lar e Abaco-Limpiezas Yoli: «Sería unha boa forma de reivindicar o importante que é este medio e de que os nosos nenos o empreguen se lles facemos uns accesos seguros e non só pensamos nos vehículos de catro rodas. Recuperaríanse as vellas costumes, sen encher os colexios de coches como estamos a facer. Hai que loitar porque os que veñen detrás lle collan cariño; os maiores xa sabemos dos perigos que implica», afirma.

Julio sabe ben do que fala. Todas as fins de semana sae cos compañeiros a dar unha volta sobre as dúas rodas, e sempre opta por ir por montaña en vez de por estrada debido ó «incómodo e perigoso» que é, apunta. Comenta, ademais, que coñece de preto varios sucesos tráxicos neste sentido, polo que sinte «medo». Este domingo, un ano máis, sairá á rúa coa súa familia para formar parte do pelotón. Os interesados poden ou ben anotarse no Concello, ou ben por teléfono (981 145 100), até o venres.