«Eu son dos que as corren todas»

CEE

JOSE MANUEL FERREIRO

Sexta proba do circuíto Correndo pola Costa da Morte. Manuel Calo, o técnico de deportes de Cee, non poderá tomar partido nela, pero si a seguirá de cerca

23 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As rúas de Cee acollen hoxe a sexta cita do Circuíto Correndo pola Costa da Morte, e faino batendo o seu propio rexistro de inscritos. Cóntao o técnico de deportes do Concello, Manuel Calo, que ademais de ser licenciado en Educación Física, é tamén un verdadeiro apaixonado do deporte.

-Carreira de record, comezando xa polo número de inscritos.

-O certo é que si. Partimos de 840 persoas anotadas, máis que noutros anos, como veu sucedendo nas cinco primeiras citas do circuíto. Ademais hai preto de 500 persoas que se anotaron dende o principio a todas as citas. Creo que é indicativo de que o programa está funcionando e tendo unha moi boa aceptación.

-Non só na comarca.

-No, vén moita xente tamén de fóra. No caso de Cee temos inscritos doutras cidades e provincias, así como xente catalá e algún que vén de León. Isto para o turismo e o comercio dos concellos é unha oportunidade de ouro.

-Vemos a miúdo moitos rostros coñecidos. ¿Non serán sempre os mesmos corredores?

-¡O certo é que hai moitos que repiten! [Rise] Eu mesmo son un deses participantes habituais, de feito o ano pasado corrinas todas. Somos unha gran familia e estas carreiras son unha oportunidade de estreitar lazos cos veciños da comarca e coñecer xente.

-¿Isto de correr está de moda?

-Si o está, pero máis que por motivos competitivos eu creo que é por saír, practicar deporte e pasar un rato fóra da casa. Ademais, ao haber practicamente unha ou dúas citas deste tipo ao mes, obrígase aos participantes a levar unha certa rutina saudable e practicar deporte de forma máis habitual. Iso é importantísimo. Lembro que hai uns días precisamente La Voz publicaba que os galegos somos os españois con maiores índices de sobrepeso: de cada 10 persoas, 6 teñen máis peso do que deberían. E iso hai que traballalo.

-A tendencia á preguiza está aí. ¿De non ter a presión de participar na carreira moita xente nin se molestaría en adestrar?

-Dende logo que non. O circuíto ofrece moitos incentivos de cara a motivar á xente: servizo de fisioterapia, merchandising propio, percorridos para todas as idades e capacidades...

-¿Que lle din na casa? ¿Repréndeno con tanta cita atlética?

-¡Agora non tanto! Pero hai dous ou tres anos, como ía eu só, sempre me dicían: «¿Aí vas outra vez?». Ademais que non só participo nas do circuíto, corrín por exemplo tres maratóns da Coruña seguidas. Simplemente me encanta o deporte. Xoguei sempre ao hockey sobre patíns, e cando o deixei pois metinme nisto.

¡O que pasa é que agora estou máis jorobado! Porque a miña muller tamén vai á 3K e temos que andar turnándonos para dar conta das nenas. ¡Case ía máis tranquilo antes! [rise]

-¿As nenas tamén se animan?

-Pois o certo é que por agora non lles vai moito... Xa se di que en casa do ferreiro, coitelo de pau. ¡E menos mal! Porque as probas dos máis pequenos son moi cedo e teriamos que madrugar [tamén se ri]. ¡Case mellor deixar a cousa así!

-Mentres seguirá coas súas maratóns...

-¡Pois si! Eu creo que mentres poida vou ir, aínda que é mellor facer as 10 ou 12k creo eu, especialmente se non estás habituado. Nunha 3k como as que hai neste circuíto poden anotarse ata as persoas que nunca fixeran nada. De feito, inicialmente concibiuse como unha proba de cinco quilómetros, pero como a idea era chamar a atención daqueles que non estivesen acostumados a correr, debateuse baixala a tres. E a experiencia amosounos que esa xente, co tempo, acaba pasándose á de 10 quilómetros.