Sobre as praias de Cee

Serxio Domínguez TRIBUNA ABERTA

CEE

22 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Poderíamos falar horas das bondades ou non das bandeiras azuis nas praias, mais ese debate en Cee queda moi lonxe, xa que tres dos catro areais ceenses atópanse nunhas pésimas condicións. Anos e anos de verquidos aos ríos e a ría provocaron esta situación, mais iso ten e tivo culpables, o actual e os anteriores gobernos. Esta é a realidade actual.

Praia de Estorde. A depuradora non funciona, recibe millóns de litros de auga pluvial e xa se fala dunha inversión para poñela en condicións, iso si, sen obra civil, tan só reparacións. Se o único que se vai facer é arranxar a maquinaria, se non se vai a evitar que chegue a auga limpa, para nada serviran eses cartos invertidos. Tempo ao tempo.

Praia de Lires. Catro anos consecutivos coa valoración de calidade da auga insuficiente e co baño prohibido. Vense estes días de recepcionar a obra de posta a punto da EDAR, mais como xa teño manifestado en pleno, o problema coido que é máis amplo. Estamos ante unha estación depuradora obsoleta e insuficiente para tratar as augas residuais dun lugar que aumenta a súa poboación considerablemente no verán, que recibe auga pluvial que non precisa depuración, e a que para máis inri se lle engadiu a aldea de Canosa. A todo isto, e para ser conscientes das causas da contaminación da ría , compre ter en conta que o río Lires desemboca logo de recibir as augas de Tedín e Ruibo sen depurar. No seu día construíuse a depuradora en Ruibo que supostamente as trataría, pero xamais se puxo a funcionar. Esta substituía a de Tedín que tampouco funcionou nunca.

Praia da Concha. En pleno centro de Cee, as augas contaminadas da ría bañan o areal urbano. O cartaz de prohibido o baño segue en pé e soportando os avatares dos invernos. Millóns de metros cúbicos de augas sen depurar saen a ría porque en Cee segue sen executarse un estudo feito no ano 2012 que costou máis de douscentos corenta mil euros. Agora disque están con outro de máis de cen mil con fondos europeos. É así andamos, de estudo en estudo ata o estudo final!

Praia de Gures. A única do concello que aguanta as súas augas en condicións grazas a súa ubicación, todo sexa dito, porque os verquidos da aldea pasan tamén por unha EDAR inútil.

Como cidadáns débenos preocupar o feito de que esteamos a contaminar as augas de regatos, ríos e mar. Nesas augas viven, ou vivían, especies de flora e fauna que teñen que pagar coa súa vida a nosa falta de respecto pola biodiversidade. Os máis vellos da vila saben que da seca de Cee extraíase moitísimo marisco que daba de comer a moitas familias. Se aparecese unha nova empresa para o polígono industrial con trinta postos de traballo sería celebrado coma unha boísima noticia, pois eses postos de traballo podería habelos no marisqueo.

Cumpramos co noso deber de respectar a natureza na que vivimos, e esixamos a quen nos goberna que cumpra igualmente co seu, que non é outro que o de velar polo futuro de todos e todas nós.