Hadrián Félix Neira gaña a segunda edición do certame Contos de Primavera

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CEE

Ana Garcia

Os premios entregaranse o sábado: segundo e terceiro foron para o Manuela Rial de Cee

06 may 2018 . Actualizado a las 22:40 h.

A segunda edición do certame Contos de Primavera, convocado por La Voz de Galicia e Radio Voz, co patrocinio de Calvo, xa ten gañadores. Logo da deliberación do xurado, o relato con máis puntuación acadada resultou ser O monxe guerrilleiro: David contra Goliat, un texto escrito por Hadrián Félix Neira Varela, alumno de segundo da ESO do instituto Eduardo Pondal de Ponteceso. Unha historia plagada de localizacións bergantiñáns que explora o poder do desexo da liberdade e o desexo de vencer.

Para el vai, pois, o primeiro premio desta segunda edición do concurso. O segundo viaxa ata o colexio Manuela Rial Mouzo de Cee. Levarao Sarai Baldomar Carballo, estudante de primeiro de ESO e autora dun texto titulado Veo de noiva, no que explicaría a orixe da cascada do Ézaro, en Dumbría. Tamén para o centro educativo Manuela Rial Mouzo vai o terceiro galardón, neste caso para Lía Fraga Posse, de segundo da ESO. O seu, Sobre a campá do templo, é un texto sentido na lembranza dun pai.

A maiores dos tres primeiros postos, a organización do certame recoñecerá aos sete seguintes textos con maior puntuación, de xeito que tamén levarán un diploma pola súa creatividade. Son os escritos por Manuel Rey Gómez (instituto Monte Neme de Carballo), Martín Soneira Blanco (EFA Fonteboa de Coristanco), Paula Pérez Insua (Manuela Rial Mouzo de Cee), Adrián Castro Fernández (EFA Fonteboa), Alejandro Varela Dovale (Fonteboa), Jennifer Lago García (Manuela Rial Mouzo) e Daniel Varela Munín (EFA Fonteboa). Cabe destacar que Hadrián Félix Neira foi o autor do texto recoñecido co terceiro premio na pasada edición. Repite podio, por tanto (na imaxe superior, recolle o galardón no 2017).

Contos de Nadal é un certame convocado co fin de estimular a creación literaria entre os estudantes de secundaria da comarca. Convocado arredor das Letras, o acto de entrega de premios está previsto para este vindeiro sábado, no Casino de Carballo. Integraron o xurado o mestre xubilado José María de la Viña; o historiador e tamén docente xubilado Evaristo Domínguez; o delegado de La Voz en Carballo, Xosé Ameixeiras; e as xornalistas Verónica Couto e Patricia Blanco.

Os dez clasificados desta edición:

  • «O monxe guerrilleiro: David contra Goliat», de Hadrián Félix Neira (IES E. Pondal)
  • «Sobre a campá do templo», de Lía Fraga Posse, tamén do Manuela Rial Mouzo.
  • Texto de Manuel Rey Gómez, do instituto Monte Neme de Carballo.
  • «Cousas de Muxía», de Martín Soneira Blanco, da EFA Fonteboa de Coristanco.
  • «Volver a casa», de Paula Pérez Insua, do colexio Manuela Rial Mouzo.
  • «A Historia», de Adrián Castro Fernández, da EFA Fonteboa.
  • «Ei, Carballeira», de Alejandro Varela Dovale, da EFA Fonteboa.
  • «O bosque profundo», de Jennifer Lago García, do colexio Manuela Rial Mouzo.
  • «A vida na Costa da Morte», de Daniel Varela Munín, da EFA Fonteboa.