O Día da Muiñeira de Cee reúne a case 600 bailaríns, gaiteiros e pandereteiras

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CEE

SERXIO DOMINGUEZ

Medio cento de grupos chegados de moi diversos lugares tomaron parte nesta 32.ª edición do encontro

02 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A de onte foi unha tarde entregada á tradición en Cee. Celebrouse na Praza do Concello a 32.ª edición do Día da Muiñeira, promovida pola asociación Terra de Sena. Nada menos que 23 entidades -e, delas, uns 50 grupos- foron as que se achegaron ata a vila da Xunqueira, segundo conta Beatriz Louzán, presidenta da entidade. «Incluso nalgún grupo que é moi grande fixeron varios cadros», detalla. Por terras de Cee fixo mellor tempo pola mañá ca pola tarde, mais foi respectando as distintas intervencións. Asociacións chegadas da Coruña, Carballo, Paiosaco, Muros, Carnota, Negreira, Louro, Ames, Brens, Lires, Corcubión ou Fisterra estiveron presentes este ano. En cada nova edición, indica Louzán, procuran que sempre haxa algunha formación nova e este ano chegou dende Palas de Rei, por vez primeira.

«Case 600 en total», cifraba a presidenta de Terra de Sena, entre gaiteiros, bailaríns e pandereteiras presentes onte en Cee. Logo de 30 anos, xa hai grupos que reservan esta data do Día da Muiñeira. Unha boa festa, dende logo, que chega uns días despois de que se coñecese o inicio dos trámites para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) ao baile tradicional: «É unha boa nova. Haille que dar o valor que ten», valora Beatriz. O primeiro premio na categoría de menores de 14 anos foi para Xacarandaina, da Coruña, e o segundo para as Xeitosiñas de Louro. Na de maiores de 14, o primeiro recaeu en Ximiela de Louro e, o segundo, en Palacio do Rei, de Palas.