Artur Trillo: «Pretendemos entreter e facer reflexionar»

CEE

José Manuel Casal

Talía Teatro abre en Santiago a xira co seu novo espectáculo: o domingo, en Cee

15 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No verán de 1987, Artur Trillo e outros compañeiros que participaran en experiencias teatrais no instituto de Cee empezaron a ensaiar unha obra. Eran os primeiros pasos de Talía Teatro. O actor é o único que se mantén dende entón nesta compañía que onte estreou en Santiago -o outro dos seus fogares-, O servidor dos dous amos, peza coa que celebra o seu 30 aniversario e que poderá verse ata o sábado, ás 20.30 horas, no Teatro Principal (12 euros). Tamén o domingo, en Cee (20.00 horas, 5 euros). O máis difícil, conta Trillo, os primeiros anos de profesionais.

-Debutaron con «O rei aborrecido» en 1988. ¿Como foron aqueles inicios?

-Era un plantexamento totalmente distinto a agora. Era unha compañía afeccionada dunha vila pequena, cun equipo moi reducido e, sobre todo, sen ningún tipo de pretensión máis alá do divertimento teatral. Pouco a pouco, fomos gañando en compoñentes e en tempo de dedicación e, sen querer, demos o paso a profesional. Unha das características de Talía ao longo da súa traxectoria é que todo foi moi progresivo. Eramos un pouco reacios a dar ese paso á profesionalidade e, cando o demos, foi con moita cautela, ata que chegou o momento de inversións en producións.

-E o salto foi en 1996.

-Si, con A secreta oscenidade de cada día. Aí foi a decisión de coller a un director profesional -Pazó-, e asumir facer un espectáculo profesional, cuns tempos e uns orzamentos.

-Afirma que todo foi progresivo, pero ¿que foi especial?

-Houbo espectáculos que foron determinantes, como Bicos con lingua (2003) e o noso primeiro espectáculo infantil no 2000, Menos lobos. Tamén Palabras encadeadas (2009). Foron espectáculos moi redondos e, despois, os últimos proxectos con moitos actores, que foron reconfortantes. A nosa característica é a variedade de espectáculos. Nestes momentos, temos oito-nove pezas dispoñibles para unha xira, ademais para moitos tipos públicos e tocando todos os paus.

-Trinta anos e máis de 40 espectáculos, traxectoria moi prolífica.

-Ao dedicarnos a máis dun público, infantil e adulto, hai anos que fixemos dous e, incluso, tres, sobre todo ultimamente. A estabilidade da compañía fai que afrontes cada ano máis dun espectáculo.

-Afirman na súa presentación que o seu obxectivo é «a dignificación do teatro e das artes escénicas como transmisores dos valores culturais do país».

-(Ri). Ás veces, poñemos cada cousa... Nós o que pretendemos é facer teatro para entreter á xente e, ao mesmo tempo, invitalos a certas reflexións sobre certos temas, pero sen unha intención moralizante. Non somos superheroes... Temos uns compromisos cunha serie de temas, como, por exemplo, estamos posicionados respecto á lingua, polo que apostamos por un teatro feito aquí. A nosa batalla non é ir a ningún lado fóra, nin é un obxectivo a perseguir, porque non o vemos operativo.

-¿Cal é o segredo para manterse os 30 anos?

-A perseveranza, pero tamén a inconsciencia, porque este é un mundo moi inestable, dependemos demasiado da Administración porque son os concellos os que máis programan. Despois, tamén é importante dedicarlle horas e contar cun equipo que se entenda.

-¿Haberá máis actividades polos 30 anos que estea estrea?

-Si, pero aínda estamos concretando outras iniciativas.

-¿Por que esta obra?

-Quería un elenco numeroso e que fora unha comedia.

-¿Algunha materia pendente?

-Unha das cousas das que me arrepinto é de non ter arquivo de todo o traballo feito, en fotografía, vídeo... Só temos material dos últimos anos. É como se fora un tempo perdido, está na túa cabeza, pero non para ensinar.

-E despois de tres decenios, ¿como miran cara o futuro?

-Queremos darlle continuidade a esta maneira de traballar e ir ano a ano. Non podes pensar a largo prazo.