«Coa demencia podes esquecer que vas morrer e así vivir sen presión. Vivir só o presente, sen problemas que te condicionen»

J. gómez SANTIAGO / LA VOZ

CEE

Zelia Zambrano

21 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Esther F. Carrodeguas e Pepa Barreiro teñen en común o seren empresarias e mulleres de teatro, e tamén coñeceren seres queridos que padeceron, e padecen, a doenza de alzhéimer e outras demencias. Por iso, ambas acordaron colaborar en Na butaca. Fantasía nº 3 en Dor Maior, que se estrea ás 20.30 desta noite no Teatro Principal de Santiago. A sesión é en beneficio da asociación Agadea, de axuda a persoas afectadas por este problema de saúde; e esta primeira actuación coincide co día mundial do alzhéimer: «Escribín a peza traballando moi directamente con Pepa, facendo improvisacións; é un texto que naceu con ela e para ela», esclarece Esther, autora e directora.

Esther dirixe tamén Airiños, de Asados (Rianxo), que é o grupo de teatro máis antigo de Galicia. Porén, promove este proxecto con Na butaca, un grupo que se presentou ao público do país o 19 de xullo do ano pasado en Ribadavia, e que se deu a coñecer con Voaxa e carmín: «Esta é a nosa segunda proposta, con fins profesionais. O texto, editado por Galaxia, sairá tamén en libro, para estar na sesión do Teatro Principal. É un traballo sobre as demencias en xeral, sobre o esquecemento como globalidade, sobre o que significa esquecer o pasado, o presente, o futuro, e que implicacións ten iso para unha persoa. Non se fala só da doenza, é máis filosófico, sobre o que supón o lembrar ou esquecer cousas, con perspectiva tamén poética e optimista», acrecenta Esther.

A representación dura por volta de 50 minutos. Nese tempo a actriz fala no palco sobre as consecuencias do esquecemento, porque «coa demencia podes esquecer que vas morrer e así vivir sen presión; sen responsabilidades, sen as preocupacións de chegar a fin de mes ou do que está pasando. Vivir só o presente, sen problemas que te condicionen», indica Esther. A autora e directora insiste en que é frecuente escoitar que hai que vivir máis no presente e tamén se investiga sobre iso. Porque se non tes tanta presión do pasado e do futuro vives máis no presente».

Esther promove a compañía Na butaca con Xavier Castiñeira: «Decidimos construír un espazo para facer proxectos profesionais, desenvolver un traballo que supoña tamén investigación. Nesta peza hai investigación a nivel social sobre a doenza; antes, en Voaxa e carmín, era unha investigación histórica. Sempre procuramos o diálogo de teatro e investigación, pensamos que iso é de interese para o público que vén ao teatro». A peza que se estrea hoxe en Compostela continuará de xira nos próximos días por Rianxo, Cambados, A Estrada, Ribeira, Redondela, Cee, Vigo e O Porriño, con apoio en moitos casos das áreas de benestar social deses concellos. Programan complementar a actuación teatral con obradoiros de teatro e memoria e con sesións de teatro-foro deseñadas pola psicóloga Amantia Coello e orientadas especialmente para alumnado de bacharelato, indica Esther.

Barreiro considera este traballo como «un reto persoal, porque nunca actuei en solitario nun monólogo tan intenso». Afirma que para ela será unha función especial «porque o meu pai morreu con alzhéimer e coñezo outras persoas moi próximas con demencias. En ocasións esas persoas fan pensar que, a pesar da doenza, son máis felices que noutros momentos da súa vida». Defende que hai moitas incógnitas sobre as persoas con alzhéimer, sobre os seus sentimentos: «Hai moitos tipos de demencia e cada caso é diferente. Ás veces esas persoas teñen reaccións máis propias dun neno pequeno e, aínda que podan parecer non coherentes cando falan, evidencian ter actitudes positivas ou acordes ás súas crenzas», salienta esta actriz.