«Quero chegar ao corazón do lector»

Gañou o premio Merlín de literatura infantil pola obra «Muriel», un dos principais galardóns de Galicia


carballo / la voz

María Canosa Blanco (Cee, 1978), escritora, enxeñeira de Camiños, articulista en La Voz de Galicia, levaba a pasada fin de semana unha das maiores alegrías e recoñecementos da súa longa carreira literaria, dende que con 8 anos xa conseguira o premio Facho: agora obtivo o premio Merlín, convocado por Xerais, na categoría de literatura infantil, pola obra Muriel. Un excelente broche a unha obra de 33 libros, dos que oito foron editados o ano pasado. Un deles, con súa nai, Concha Blanco, e o outro, con Jorge Mira.

-Vostede xa fora finalista do Merlín. ¿Que significa ganar este premio?

-É o cuarto ano consecutivo que era finalista polo que, como podes imaxinar, era xa case unha afronta particular con el... Gañalo foi decatarme de que os concursos son concursos, que ás veces gañamos, e ás veces non, por múltiples circunstancias. Pero para min foi como quitar esa espiña de estar chamando á porta moito tempo a un lugar, e que sempre falta algo para que cha abran de todo. Por fin se abriu a porta. Claro, que isto fixo que me emocionara moito ao recibir a nova... Non puiden evitar que me desbordara o momento. Con todo, o mellor de todo foi recibir o cariño de moita xente, máis do que eu agardaba. Moito máis. Esa é a segunda parte do premio, impresionante. Eu tomeino, ademais, como unha recompensa ao camiño que fixen desde que comecei, hai moito tempo, ata hoxe.

-Un premio especial.

- O Merlín é un recoñecemento importantísimo para os que escribimos literatura infantil en Galicia. Podería dicir que o máis importante. É por iso que me sinto afortunada. Non dubido de que outras obras que se presentaron o merecesen tamén. Desta vez, a sorte estivo do meu lado. Deste certame saíron obras que foron referentes na miña lectura, na miña vida e na Literatura Infantil e Xuvenil en xeral, é polo que tamén sinto unha enorme responsabilidade. Non só nesa obra, tamén no que escriba a partir de agora.

-De que trata «Muriel»?

- Naceu da necesidade de dar voz á sinxeleza e complexidade simultánea de espir os sentimentos, ao calado, en voz baixa. Do mesmo xeito que fala o amor, a

ledicia e a tristura. Con Muriel destaco tamén a combinación de fraxilidade e fortaleza dos que están tocados pola sensibilidade, os mesmos que se atreven a soñar

e pintar un horizonte de cores. A amizade, e unha botella de leite une a todos os protagonistas, de diferentes xeracións e tamén entre humanos e animais.

-¿Que xénero prefire?

- Gústame probar, que é un xeito de probarme a min mesma. Cambiar é bo tamén porque me axuda a deixar unha obra e comezar outra nova, sen tantas interferencias. Pero si é certo que sempre volvo a escribir para a cativada. Por múltiples razóns. Primeiro, porque creo no importante que é a lectura nesa franxa da vida, porque son o futuro. Pero tamén porque me sinto cómoda non deixando de ser de todo unha nena eu tamén. Soñar é fermoso, e eu non sei deixar de facelo.

-¿Que retos se marca agora?

-Que o que escriba sexa de certa calidade, e que chegue aos corazóns dos lectores.

-¿E escribir en castelán?

-Eu sinto, penso, falo... en galego. Desenvólvome nesa lingua porque é a miña, e creo que as historias que mellor se escriben son as que máis se senten, por iso eu escribo en galego. Pero estaría encantada de que me traducisen ao castelán, ao catalán, ao inglés...

-¿A xente le, merca en galego?

-Hai xente que le, pero non é suficiente. Dáme a impresión de que é un reduto moi pequeno... E eu sinto a necesidade de que os libros saian das aulas, que anden polas rúas. Ás veces centrámonos só nas lecturas dos centros escolares, e iso debera entenderse só como un dos comezos posibles.

-¿Volverá á enxeñería?

- Eu nunca me fun. Sempre serei enxeñeira. O que pasa é que o horizonte laboral é complexo neste eido tamén. Agora non exerzo de enxeñeira, pero oxalá teña a oportunidade de volver facelo pronto. Non depende de min.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

«Quero chegar ao corazón do lector»