«Tanto en Cee como en Carballo sentímonos moi arroupados»

v. couto / Á. P.

CEE

O tamén actor foi premiado nos María Casares pola escenografía da última montaxe da compañía ceense

04 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Santi Romay non foi o único representante da comarca distinguido a semana pasada na gala dos premios María Casares. O ceense Dani Trillo levouse o galardón á mellor escenografía polo seu traballo en Foucellas, a última montaxe da compañía Talía, no que tamén interpreta a un dos personaxes.

-¿Como foi a resaca do premio?

-Resaca pouca porque había que traballar ás oito da mañá xa, así que non deu tempo a celebralo nin nada.

-¿Que tal senta recibir un María Casares?

-Como experiencia é xenial, pero tamén digo que non sei que lle fan ao atril, se lle botan cebola ou algo aos micrófonos, pero é subir alí e sáltanselle as lágrimas a todo o mundo. Eu tiven que conterme moitísimo porque as ganas eran de poñerse a chorar como unha madalena.

-Premios aparte, a obra está a ter moi boas críticas.

-Eu creo que porque Foucellas levase o premio á escenografía non é que simplemente se aprecie iso. É unha cousa máis de conxunto, e o resultado que imos vendo no público sempre é moi satisfactorio. A xente sempre nos comenta algo ao final da actuación e adoita ser moi habitual que nos digan que Foucellas vivía cerca da súa casa, e isto pásanos por toda Galicia; aí é onde se ve como se mestura a lenda de Foucellas coa personaxe real.

-¿O galardóns poden darlle un novo pulo á obra?

-En certa medida si, porque hai concellos aos que aínda non fomos e para os que o feito de que a obra estea premiada é un novo aliciente para contratar o espectáculo. Non é que de repente se vaian facer 300 funcións máis, pero si é un pequeno pulo.

-Sempre se fala dos premios principais.

-No mundo do teatro, como en moitos oficios, hai aspectos que están máis ocultos e que o público ou os ve e non lles presta atención ou simplemente non os ve. Hai técnicos de son, de iluminación, hai xente que se pasa horas e horas montando focos e estruturas e aínda que a xente ao final valora só o que é a actuación todas esas cousas son as que lle dan empaque, as que adornan e fan que realmente destaque todo o traballo dos actores. Así que eu creo que si, que é importante que se lle dea visibilidade e que se recoñezan, e pola parte que me toca estou tremendamente satisfeito.

-¿Que novos proxectos ten?

-Agora mesmo estamos coa nova montaxe, Ubú Rei, que estreamos hai un mes en Narón e coa que xa estivemos en Carballo e Cee. E en breve empezaremos tamén coa montaxe dunhas lecturas sobre Carlos Casares para o Centro Dramático Galego, que se estreará en maio; imos representar en lectura dramatizada a novela Os mortos daquel verán dirixida por Artur Trillo e con toda a compañía, e seguimos xirando con todos os espectáculos que temos, tanto infantís como para adultos.

-¿Como foi a estrea de «Ubú Rei» na comarca?

-Na casa sempre é especial, e para nós foi na casa por partida dobre, porque tanto Cee como Carballo son sitios onde nos sentimos moi moi moi arroupados e resulta un gustazo saír á escena, ver que a xente está contigo, que se vai movendo canda ti durante o espectáculo e que fai que este acabe saíndo máis redondo aínda.