«En Galicia a música tradicional aínda está a flor de pel»

v. couto / Á. palmou

CEE

José Manuel Casal

O artista participa hoxe no Mes da Fundación Fernando Blanco cun concerto comentado

15 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O programa da Fundación Fernando Blanco leva hoxe á Casa da Cultura de Cee (20.30 horas) ao músico, percusionista e cantante Davide Salvado, que ofrecerá un concerto comentado baixo o título de Cantos de Galiza.

-¿Que hai detrás deses «Cantos de Galiza»?

-Hai un traballo de investigación e por iso supoño que me chamaron. Será un concerto comentado no que cantarei os temas recollidos por min na Galiza e comentarei a experiencia etnográfica e, sobre todo, persoal.

-¿Que teñen de especial os concertos comentados?

-Non o sei porque esta vai ser a primeira vez que fago un, pero supoño que será o feito de que, aparte de escoitar as músicas, o público poderá saber o que eu opino delas, como fixen para atopalas e o que causan en min.

-¿Que valor engadido ten para un músico realizar ese proceso de ir á orixe?

-Todo. Non se pode ser músico de música tradicional se non fas todo o proceso, se non entendes. Eu, tecnicamente, podo coller unha música hindú e cantala, pero se non entendo o que está dicindo a letra e a emoción creo que non chegaría a ninguén. Non podo remontarme ao século XV, pero si podo ir ás aldeas e coñecer ás señoras que aínda cantan e que me poden transmitir esa emoción que elas senten. Iso é algo que noutros sitios resulta moi complicado porque a xente xa morreu e xa queda lonxe o seu folclore, pero en Galicia é fácil porque aínda está a flor de pel.

-¿Cantos sitios percorreu nesa recollida?

-Mais que nada recollín pola provincia de Pontevedra, nas aldeas do sur, pero tamén algo en Ourense e un pouquiño en Lugo e na Coruña. Nunca fixen un traballo de etnógrafo musical, de coller o coche e ir coñecer xente e gravala; o meu foi distinto. Eu ía coñecendo á xente das aldeas nas que decidín vivir ao longo da miña vida e eran elas as que me aportaban esas músicas. Foi un proceso máis íntimo: de coñecer á persoa antes de abordala coa gravadora.

-¿Como definiría o seu momento profesional?

-Eu diría que bárbaro. Vivo onde quero, vivo como quero, como o que quero e visto como quero. Iso quere dicir que me vai ben, pero Galicia é difícil, é un país que non valora tanto como debera a cultura; non sei por que. Como sociedade poderíamos estar bastante mellor, pero eu quero ser positivo.

-¿Que papel xoga a música nese momento vital?

-A música, se a sentes, é parte fundamental da túa vida. Eu sempre tiven moita curiosidade pola cultura popular, non só de Galicia, e tamén por todo o que se refire ao respecto do medio en xeral. Iso é o que me levou a vivir no campo e a coñecer a Galicia máis profunda.

-¿Que novas metas ten?

-Estou tranquilo neste momento, estou ben onde estou, non teño ningunha meta á que chegar, pero si me gustaría ir cara un lugar en Galicia na que a música popular e patrimonial estivera en todas as prazas, que se priorizaran as especias autóctonas e a arquitectura popular. Eu quero ir cara esa Galicia e o que podo facer é cantar como canto, o que canto e onde o canto; ese é o camiño que teño que facer.

-¿Como ve a situación actual da nosa música?

-Estou seguro de que en Galicia hai moitísimos proxectos musicais, moitísimas bandas, grupos de gaitas, de pandereteiras... Galicia é riquísima a ese nivel, pero non sei se hai tanta apertura mental como debera. Hai moitos proxectos, pero moi iguales e parece que non se pode saír un dentro da música tradicional do camiño polo que van moitos.