Fernando Blanco de Lema, benefactor de Cee, un potentado sen sepultura

JUAN FÉLIX NEIRA PÉREZ

CEE

Lápida traída de Cuba cos restos do filántropo e, á dereita, o lugar onde repousan os seus restos.
Lápida traída de Cuba cos restos do filántropo e, á dereita, o lugar onde repousan os seus restos.

O traslado dos restos dende a parroquial capela foi o 7 de abril de 1889, tras case 7 anos na igrexa

12 may 2016 . Actualizado a las 13:17 h.

Moitas e interesantes páxinas foron xa publicadas acerca da historia do colexio-instituto Fernando Blanco -hoxe Fundación-, sen dúbida a máis importante institución do Concello de Cee. Mais forzosamente quedan zonas de sombra, lóxicas en tan dilatada historia. Grazas á documentación inédita do Arquivo Histórico Diocesano de Santiago, imos alumear hoxe un feito de fonda e emotiva significación: o retorno dos restos mortais de Fernando Blanco de Lema á terra que o veu nacer. Poderiamos ver nas misivas que aquí ven a luz por vez primeira certas disensións -que parece que as houbo- entre a institución educativa e a Igrexa. Sempre celosa do seu poder e influencia, tanto nos asuntos espirituais como nos terrenais, as relacións entre os representantes do Colexio e os eclesiásticos non sempre foron idílicas.

Sabemos que a comezos de 1882 están en marcha as xestións para a recepción dos restos mortais de Fernando Blanco. A día 1 de febreiro, o párroco de Cee, Joaquín Domínguez Caamaño, escribe ao arcebispo de Santiago, o cardeal Miguel Payá y Rico: «Tengo el honor de manifestar a V.E.R. que los encargados del Colegio que en esta Villa se está construyendo, han determinado traer para el mes de Abril del presente año las cenizas de Dn. Fernando Blanco (q.e.g.e.) natural de esta y fundador de dicho Colegio; y como para ese tiempo por más que se activen los trabajos no es posible que se dé terminado el sitio donde piensan depositar los restos del finado, una vez que ha de ser en la capilla que al efecto se está construyendo dentro de aquel edificio, ínterin tanto necesitan un sitio digno donde se coloquen; mas en el cementerio no hay lugar a propósito, a no ser que sea en algún nicho particular, que a porfía todos desean obsequiar a aquel que consagró sus desvelos en bien de este pueblo».

A predisposición dos ceenses para ceder un nicho revela a estima do pobo de Cee polo seu indiano máis destacado. Cabe recordar que o camposanto atopábase entón a carón da Escola de Nenas, actual museo da Fundación Fernando Blanco de Lema. Mais o que o rector ceense solicita ao arcebispo é unha morada funeraria baixo teito sagrado: «En esta situación, los testamentarios del finado y la Corporación municipal para evitar compromisos, dejando a todos iguales y sin lugar a quejas, me pidieron cediese por algún tiempo una alacena que se halla al lado del altar mayor, sitio bastante para depositar en ella los huesos del hijo de esta Villa, dándole de ese modo una prueba de deferencia a los restos del que tanto bien está haciendo a esta localidad. En vista de lo expuesto S.E.R. tendrá a bien determinar lo que crea más conveniente para manifestárselo a la comisión que solicitó, lo que he tenido la satisfacción de comunicar a V.E.R.».

Denegación inicial

Expeditiva é a resposta: non. Só cinco días despois asínase a contestación desde o pazo arcebispal: «Por más que el Sr. Dn. Fernando Blanco (q.s.g.h.) merezca un eterno reconocimiento de esa población por los beneficios dispensados a la misma; no creemos conveniente que sus cenizas se depositen aunque interinamente al lado del Altar mayor de esa Iglesia Parroquial. Hasta que se termine el panteón que se está construyendo, pueden depositarse dichas cenizas en un nicho que se haga con este objeto, o en cualquiera de los ya construidos, puesto que sus dueños son gustosos en ello».

Parecía razoable, xa que logo, que as cinzas foran depositadas onde correspondía: no camposanto. O Código de Dereito Canónico foi restrinxindo cada vez máis o enterramento nos templos; hoxendía, por exemplo, só está permitido ao «Romano Pontífice, aos Cardeais ou aos Obispos diocesanos, incluso eméritos» (canon 1242). Certamente, o que se solicitaba para Fernando non era un enterramento stricto sensu, pero os efectos eran os mesmos: as cinzas dun segrar depositadas en sagrado, nun presbiterio ademais.

As xestións parroquiais tiveron que proseguir, xa que catro meses despois a resposta cambia, aínda que ningún documento nos permite saber o motivo. No documento que así o acredita, vemos implicado xa ao poder civil: é o alcalde de Cee, Elías Caamaño, acusando recibo da autorización arcebispal, escribe ao Gobernador Eclesiástico da diócese compostelá.

Misiva

A misiva ten data do 18 de maio, tamén de 1882: «Se ha recibido oportunamente en esta Alcaldía la autorización que V.S. se sirvió conceder para depositar interinamente en la iglesia de esta parroquia los restos mortales de Dn. Fernando Blanco, oriundo de esta Villa, que han de pasar a otro lugar, como se manifestó al Excmo Sr. Cardenal Arzobispo de Santiago al tiempo de impetrar aquella. Lo que me apresuro a participar á V.S. por virtud del recuerdo especial que hizo a esta Alcaldía don Joaquín Rodríguez, de esta Villa».

O receptáculo que albergou durante seis anos os restos mortais do filántropo ceense convertiríase case corenta anos máis tarde en sepultura doutros dous benefactores, neste caso da igrexa parroquial. Grazas ao matrimonio formado por Alonso Escudero López e Corona Caamaño Font puido ampliarse o templo e o altar. Malia as disposicións canónicas, alí descansan desde o 1931, data na que se incorporou a estrutura marmórea, inexistente cando o espazo acubillou as cinzas de don Fernando Blanco.

Lápida de Cuba

A Memoria do curso 1888-1889 informa do traslado dos restos mortais desde a parroquial ata a capela. Era o 7 de abril de 1889, por tanto estiveron case sete anos depositados na igrexa. Estudo aparte, imposible de abordar neste artigo, merece o marco arquitectónico e escultórico no que repousarían definitivamente os restos de Fernando Blanco na capela escolar.

Para rematar, unha curiosidade: sobre o mausoleo foi colocada unha lápida sepulcral marmórea, obra dun tal Biasca, apelido procedente de Italia, berce de reputados escultores marmoristas de fama internacional. É posible que a arte escultórica italiana sexa clave no altar e sepulcro da capela, onde non falta o mármore de Carrara. Pero esta é outra historia? digna de contar polo miúdo.

A lápida en cuestión só do camposanto cubano pode proceder. Así o avalan varios trazos: ante todo o epígrafe «Natural de Cée-Galicia», cunha precisión -a de Galicia- innecesaria nunha tumba local; pero tamén a abreviatura funeraria ?E. P. D.? (en paz descanse), insólita por estes lares. ¿E que dicir desa vexetación caribeña, puro exotismo fúnebre? O Colexio Fernando Blanco garda aínda moitos segredos. E algunha que outra desavinza máis coa Igrexa.

Queden para outra ocasión.

apuntes históricos