«Teño case unha obsesión polo aproveitamento do tempo»

A autora ceense suma dous novos premios á súa interminable lista de galardóns


Hai tempo xa que resulta complicado levar a conta dos premios literarios que ten colleitado, pero cada novo galardón é recibido por Rocío Leira (A Pereiriña, Cee, 1979) coa mesma alegría que o primeiro. «Os premios producen moita satisfacción a nivel persoal porque é un modo de avalar a túa obra. Ademais, son algo difícil de conseguir porque en Galicia hai un nivel altísimo, hai xente que escribe moi ben», explica a autora tras sumar dous novos recoñecementos a un listado que supera xa amplamente a centena: o primeiro premio do certame de poesía Xosé Manuel Ardeiro, que convoca o Concello de Negreira, e o segundo do concurso poético que organiza a Asociación Cultural Rosalía de Castro, de Cornellá.

Ambos supoñen dous novos pasos na traxectoria da escritora afincada en Compostela, que se prodiga en todos os xéneros -«gústame picar un pouquiño en cada lado porque non hai un xénero que me chame máis que os outros»- e que lonxe de acomodarse, está a formarse para afrontar novos obxectivos.

No caso do premio Ardeiro xa o fixo adentrándose con éxito no terreo sensible da violencia de xénero para escribir un poemario completo (Obituarios) no que da voz a moitas das vítimas desta lacra durante o ano que está a piques de rematar. Conta Leira que o xurado destacou, ademais do valor social desa obra, as distintas perspectivas que ofrece cada poema. «Fíxome moitísima ilusión porque ademais no xurado estaba Fernán Vello que é algo así como o decano da poesía galega e persoalmente a el gustoulle moitísimo, e iso sempre che sube a autoestima». A obra de Manuel Orestes López foi a fonte de inspiración do poemario co que foi premiada en Cornellá e cuxo título, Lume no peito, está tomado dos seus versos nos que fala do que senten os galegos cando están lonxe da súa terra.

A estrea no mundo editorial de Rocío Leira produciuse no ano 2013 -xa con ducias de premios no seu haber- con Universo Pitágoras (Biblos), unha obra para os máis cativos na que deixou ver a súa formación académica -é licenciada en Matemáticas-, e este ano publicou un novo libro dirixido aparentemente para o público máis novo (a partires dos 10 anos), «pero que está gustando moito aos adultos porque ten moitos matices». O becho que quería comer á avoa (Galaxia) e o título desta obra na que Leira se achega ao drama do cancro.

A prensa escrita -«leo varios xornais todos os días e, nas fins de semana, todos os extras e magacíns»- é unha das principais fontes de inspiración dunha muller que se multiplica para levar a súa academia de formación -«un traballo de oito a oito»-, atender a súa pequena de 3 anos e levar ao papel todas as ideas que vai anotando e papeis e desenvolvendo no seu maxín. «Son unha persoa movidita, gústame facer moitas cousas á vez para sentirme activa; teño case unha obsesión polo aproveitamento do tempo. Din que a xente de ciencias puras ten moita velocidade mental porque, como é o caso das matemáticas, está acostumada a traballar en espazos abstractos por iso o mundo real parece que lles vai máis amodo», razoa tras lembrar que xa ten «dez ou quince obras» escritas e rematadas esperando a súa quenda para ver a luz.

E pese aos premios xa acadados, Leira aspira aínda a máis. «Hai moitos premios que me gustaría gañar. Eu sempre teño afán de mellorar e agora tras gañar moitos dunha determinada extensión quero afrontar retos maiores, pero iso require dunha técnica distinta e por iso me estou formando. Estou nunha etapa de tentar mellorar, de formarme nas distintas técnicas, na construción de personaxes, no tempo histórico e argumental. É algo que me pedía o corpo, sentíame estancada».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Teño case unha obsesión polo aproveitamento do tempo»