«Para vivir necesito a enxeñería, e para ser máis feliz, preciso escribir»

Santiago Garrido Rial
S. G. Rial CARBALLO / LA VOZ

CEE

Ana Garcia

Traballa na construción da autovía da Costa da Morte e prepara sete libros para os vindeiros meses

20 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembra un pouco a Juan Benet, enxeñeiro de Camiños e escritor. É un símil socorrido, pero non hai moitos máis exemplos, María Canosa Blanco (Cee, 1978) leva xa máis de 25 libros publicados. Seis deles saíron do prelo no 2014. O 2016 será seguramente similar, tamén de récord, se se suma o que acaba de saír estes días, e que onte presentou na Coruña (Salón do libro e da lectura Abecedari@): Parar o mundo, xunto ao ilustrador Marcos Viso. Os seguintes: O día que choveu do revés, con Xerais, en xaneiro; outro con Jorge Mira sobre ciencia, unha novela xuvenil en Galaxia, unha para adultos con Embora, outra obra infantil coa mesma editorial; un volume sobre normas de comportamento, a canda a nai, Concha Blanco, con Hércules, e un libro infantil con Bululú. ¡Sete! Ademais, traballa dende que comezaron as obras como enxeñeira de Camiños, Canles e Portos (esa é a súa formación) na construción da autovía da Costa da Morte.

-¿Como fai para escribir tantos libros ao mesmo tempo que traballa na obra?

-A cachiños de tempo. Con moito esforzo. Cando a nena durme cedo escribo catro liñas.

-Unhas das súas vindeiras obras será unha novela para adultos. Non é habitual nelas.

-Como novela será a primeira, pero xa teño un libro de relatos, Faíscas. Eu sempre fago cousas distintas. Que non as publicara non quere dicir que non as escriba. Non fago unha cousa ou outra porque me pareza algo mellor: a literatura é toda igual, para nenos e para adultos. Ocórrenseme as historias, ou preséntanseme diante. E cada unha vai en distinto formato. A última, a de Parar o mundo, por exemplo, é un álbum ilustrado non pensado para nenos. Outras, doutro xeito. Gústame experimentar.

-¿Que tal o traballo na autovía?

-Estresante e gratificante. De moita responsabilidade. Hai que facer moitas cousas. Cumprir uns prazos, facelo cunha calidade determinada.

-¿E como se sinte participar na principal infraestrutura dada Costa da Morte, tantos anos demandada?

-Cando a fas, non tes esa visión. Esa chegará na fase de explotación. Agora é traballar nunha obra, como se fose noutra, aínda que o coñecemento do terreo si que axuda.

-Pero está claro que é un beneficio para toda a comarca. Contribuír a sacala adiante ten que ter algo especial.

-Dende ese punto de vista é un orgullo estar nela. E cando a use, fareino tamén dun xeito especial, sabendo por onde cruzan as augas, por que se usou este aglomerado e non outro, cales son os pasos da fauna... Está claro que para min non vai ser o mesmo ter axudado a facer un viaduto en Lume de Suso [Santa Baia, en Coristanco] que en Rozas, en Lugo, onde tamén tiña outro. E tamén me chaman a atención as dimensións. Nunca traballara nunha obra tan grande: vías, viadutos, metros cúbicos de terra desprazados, dimensións da maquinaria.

-Aínda ha de haber xente que se sorprende cando se entera de que tamén é escritora. ¿Ou non?

-Si, moita. Non lles cadra. Preguntan: ?¿Eres ti??

-O da separación ciencias e letras non é fácil.

-Exacto. Cren que cada cousa está no outro estremo, e non é así. Quen se dedica ás ciencias pode saber de letras, e á inversa. Non son excluíntes, son necesarios. E si, moitos dos que me coñecen como escritora sorpréndense de que traballe como enxeñeira, e ao revés.

-¿E a súa vocación cal era?

-Non tiña claro que estudar, se ciencias ou letras. Preferín compaxinar as dúas, que son as que me gustan. Para vivir necesito traballar na enxeñería, e para ser máis feliz, escribir. Unha e outra están moi ben. A enxeñería axuda a facer unha sociedade máis útil, tanto coas obras grandes como coas pequenas. A literatura tamén mellora a sociedade. As palabras fermosas tamén axudan a facela mellor.

-¿Compensa o esforzo?

-Si, como son disciplinas diferentes, axuda a desconectar. O traballo é o traballo, pero para escribir, fágoo cando podo ou me apetece. Non existe a mesma presión. Si que hai responsabilidade: documentarse, revisar, corrixir... Pero non tes a presión dun superior, e economicamente non invistes grandes cantidades. É algo máis relaxado ca enxeñería. Existe un sacrificio, pero compensa cando chega ao lector, a ver se lle gustará ou non, se acertei ou non. Que a xente o lea é unha satisfacción. E tamén os encontros cos nenos (implícanse moito), nas bibliotecas, nos clubes de lectura...

maría canosa blanco enxeñeira de camiños e escritora