«Preséntome porque creo na xestión pública»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

CEE

CEDIDA

A candidata socialista cre que ten que primar os intereses dos veciños sobre las cuestións persoais

02 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Margarita Lamela Louzán (Cee, 1970) é avogada e opta á alcaldía ceense polo PSOE. Seu pai foi alcalde.

-¿Por que é candidata á alcaldía?

-Pola necesidade de cambiar a maneira de facer política, converter Cee nun lugar de referencia e porque creo na xestión pública.

-¿Custoulle dar o paso?

-A miña condición era ter un bo equipo para confirmar que me presentaba. De aí que o PSOE fora o primeiro partido en publicar a súa lista. Hai máis de dous meses que se ten coñecemento dela.

-Outros tardaron moito máis.

-O PSOE fixo a lista en 17 días e non tivemos ningún problema. Quero resaltar que tódolos meus compañeiros temos os mesmos principios e valores.

-¿A política venlle de familia?

-Venme de familia a defensa da xestión pública, a vocación de traballar pola xente, de quererlle ao meu pobo e traballar por el. Iso inculcáronmo de pequena.

-¿Cales son as principais liñas programáticas?

-O centro de día residencial, un plan xeral de ordenación municipal onde se teña en conta a opinión dos veciños de Cee, o aforro enerxético, o rescate dos servizos de gardería, escola de música, limpeza das dependencias municipais e da atención a domicilio das persoas maiores, a promoción do emprego e un ambicioso programa deportivo e cultural no que destaca, entre outras cousas, a recuperación da Mostra de Teatro.

-¿Como está a ser a precampaña?

-Moi positiva no sentido de que levo falando cos veciños e resúltame realmente gratificante o seu trato e coñecer as súas inquedanzas. É moi positivo tamén o traballo diario cos compañeiros, e moi gratificante.

-¿Que lle parece que se presenten sete partidos en Cee?

-Creo no pluralismo político, é enriquecedor, pero cando un toma a decisión de presentarse ten que facelo desde a responsabilidade e a seriedade e ten que primar os intereses dos veciños sobre as cuestións persoais ou individuais dos candidatos,

-¿Que opinión ten do mandato que está a piques de rematar?

-Non é positiva pola privatización da xestión pública, a pasividade do goberno local ante os problemas dos veciños que entran con un e saen con dous ou máis e a falta de xestión de todo o mandato unido ao aproveitamento populista seis meses antes das eleccións de abrir a inacabada Casa da Cultura, a política do bacheado e da bombilla e as obras da Alameda, a travesía da Ameixenda e a instalación de pluviais de Lires, que non se adaptan ás necesidades dos veciños.