María del Carmen Puente, ex-xerente do restaurante San Lorenzo: «Un noivo esqueceuse de avisar que o banquete da voda non era en Verdillo»

Nicolás Pose CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

María del Carmen vive agora en Carballo para ter unha xubilación «descansada e divertida»
María del Carmen vive agora en Carballo para ter unha xubilación «descansada e divertida» BASILIO BELLO

Logo dunha vida traballando na hostalería, agora busca unha xubilación relaxada

05 nov 2026 . Actualizado a las 12:28 h.

María del Carmen Puente (Verdillo, Carballo; 1959) pode dicir con confianza que ela coidou dalgunha maneira a toda a mocidade da súa parroquia e, nalgúns casos, incluso aos fillos dos cativos que viu medrar. Os máis maiores da contorna pode que a recorden como a súa profesora, xa que Maricarmen combinou os seus estudos de COU con clases particulares a nenos do que agora sería a etapa de infantil: «Tiña tres tornas de 25 nenos porque non me collían todos xuntos, unha salvaxada, debían vir todos os de Verdillo». Pero, como máis é recoñecida é como a xerente do restaurante San Lorenzo, no que traballou un total de 32 anos ata a súa xubilación este 2026. «Os pais chamaban 20 veces ao día para saber se estaban alí os seus fillos», recorda, porque sobre todo cando había partidos de fútbol «chegaba a haber case un cento de rapaces» de Verdillo, Sofán, Carballo e toda a contorna.

Montou o local co seu marido no centro de Verdillo, preto da igrexa, logo dalgún tempo para pensalo porque «a hostalería non che dá moita liberdade» e menos cando es o xefe. «Aínda que teñas vacacións non desconectas nunca», di Maricarmen. Comezaron sendo só bar, pero a demanda impulsounos a ampliar o comedor. Recoñece que os tres primeiros anos foron bastante duros, xa que non se tomaron nin un día de descanso, algo que fixo bastante dano no seu matrimonio, ata o punto de separarse: «A hostalería non é o mellor traballo para unir os matrimonios». Logo dese tempo e debido ao cansazo acumulado, decidiu pechar os luns e, máis tarde, chegarían incluso os peches por vacacións. Xa pasando os 50 anos, Maricarmen decidiría tomarse todo con moita máis calma e abrir só polas tardes, como forma de manter un punto de encontro para a veciñanza.

Agora, con 67, decidiu que era o momento de parar. A súa preocupación era o relevo, pero a través dunha amizade en común deixa o San Lorenzo «en boas mans» e, aínda que admite que lle custou, «era un momento que tiña que chegar» para poder relaxarse e gozar dun tempo para si mesma que non puido ter mentres traballaba. Iso si, recorda aos mozos «que non pensen que a hostalería é a escravitude que había antes, agora está a cousa mellor, pero tenche que gustar tratar coa xente».

O mundo dos eventos

A demanda tamén levou ao San Lorenzo a dedicar boa parte da súa actividade aos eventos. Vodas, comuñóns e todo tipo de celebracións —como as habituais comidas dos equipos de fútbol da zona— enchían o seu amplo comedor. Algo que, persoalmente, poñía moi nerviosa a Maricarmen: «Tremaba de que puidera pasar algo, que me rompera unha máquina, que enfermara ou polo que sexa non puidera facer o servizo». Algo que, por sorte, nunca pasou e «sempre puiden facer os eventos e pola miña parte cumprín», afirma.

Recorda unha vez que: «Un noivo esqueceuse de avisar que ao final o banquete non era en Verdillo». O noivo mudara varias feces a data da celebración e, xusto o día no que ía ser a voda non quedaba sitio no restaurante, polo que tiveron que buscar outro lugar. Porén, chegado o día, no San Lorenzo comezaron a presentarse os músicos e algúns dos invitados: «E claro, el non collía o teléfono porque xa debía estar na cerimonia», narra. Chegou un punto no que mesmo Maricarmen comezou a dubidar de se tería que facerlles un sitio.

Doce anos en Suíza deixando á familia e ao fillo atrás para gañarse a vida

María del Carmen casou nova e con 21 anos e un fillo acabado de nacer emprendeu co seu marido, ao igual que moitos outros galegos nese momento, o viaxe a Suíza para buscarse a vida. Aterrou en Berna, aínda que logo pasarían a vivir en Zürich. Alí pasaría 12 anos da súa vida traballando na hostalería no restaurante Zur Roosweid. «Eu tiña un pouco de idea de francés que aprendera no instituto e despois, con compañeiras de traballo, comecei a chapurrear o alemán, polo que a miña xefa xa me puxo de camareira, aínda que eu de alemán só sabía dúas palabras», comenta.

Foi aquela unha época dura, lonxe da familia e, sobre todo, do seu fillo, ao que tan só podían ver durante as vacacións. «Esa etapa é a máis dura da miña vida, é algo inexplicable», lamenta. «Mentres que fomos temporais podiamos vir tres meses e se era no verán intentabamos levalo de vacacións ou que viñera tamén ata Suíza». Agora, confésase contenta, porque puido criar ao seu neto, Gabriel —que está a pique xa de entrar na universidade—: «Ía á gardaría pola mañá e despois quedaba no bar comigo».

Maricarmen vive en Carballo a súa xubilación, preto do seu fillo Diego, e pretende tomarse un «ano sabático» antes de pensar en anotarse a ningunha actividade ou a retomar as viaxes, que tanto lle gustaron no seu momento. «Hai días nos que estou estresada coma cando traballaba. Chámate un, chámate outro, agora imos aquí, agora alí... Este ano quero levar as cousas con calma», conclúe.