«Ao principio dos tempos as mulleres eran deusas, o seu corpo era venerado»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Raquel Nogueira, nun intre de «A historia vaxenial»
Raquel Nogueira, nun intre de «A historia vaxenial» .

FIOT | Cita co teatro e a comedia, mais tamén coa realidade, para este domingo en Carballo: «A historia vaxenial», con Raquel Nogueira

04 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • «Historicamente, as mulleres fomos castigadas, e este espectáculo percorre un pouco todo iso, aínda que dende un ton humorístico. O propio título é unha ironía». Así é como Raquel Nogueira explicaba o venres en Radio Voz aquilo que chegará hoxe á Rúa dos Contos do FIOT de Carballo: A historia vaxenial, ás 20.00 horas no Pazo da Cultura, con entradas anticipadas en ataquilla.com.

Porque non, nin todo foi nin todo vai-xenial. O centro deste proxecto parte de tomar como referencia a representación dos órganos sexuais femininos dende a Prehistoria ata a actualidade, para así comunicar cal foi a presenza ou a ausencia das mulleres nesas sociedades, o seu silenciamento en moitos casos. Foi partindo do hoxe en día que se desenvolveu esta idea, «fixándonos en todos os tabús que hai sobre o corpo das mulleres». Os órganos mesmos, pero tamén a menstruación e máis. «Faste a pregunta de onde vén todo isto, de onde xorde esta problemática co corpo das mulleres e vas cara atrás, cara atrás, e ao final chegas ao comezo dos tempos», conversou Nogueira con Fran Rodríguez.

A conclusión desa análise das distintas épocas é clara: «Ao principio dos tempos as mulleres eran deusas o seu corpo era venerado. Coa chegada dos bárbaros, as invasións bárbaras e despois o cristianismo e relixións, o corpo da muller, e a muller mesma, comezou a ser sometida». Non é este spoiler, senón contido que hai que ver desenvolto en escenario, máxime tendo en conta que é o salto ao físico dun proxecto que comezou sendo webserie, Historias vaxeniais, por certo recoñecida cun Mestre Mateo.

Avanzouse, pero as desigualdades seguen. Contalas con humor é un reto, incorporar a comedia unha necesidade: «Ninguén quere sentar e estar unha hora e media escoitando a Raquel Nogueira falar sobre un montón de traxedias que incumben á metade da poboación. A propia historia é unha bizarrada e hai cousas que semellan comedia e son realidade».

A historia vaxenial xa deu tamén o salto a fóra de Galicia, coas adaptacións oportunas. «Contar esta historia é satisfactorio», di Nogueira. Aprender pasándoo ben. Ela estréase no FIOT, «un referente», di.