Son media ducia as iniciativas deste tipo que alentan o gusto polos libros: para bebés, crianzas, mozos e maiores de 18
03 oct 2026 . Actualizado a las 20:15 h.Botou a andar este venres en Carballo o club de lectura en galego para adultos da biblioteca Agra de Campos, e ese inicio foi inmellorable escusa para dar cadra da media ducia de clubs de lectura municipais que estarán en marcha este curso na vila, os cinco restantes na biblioteca Rego da Balsa, para crianzas de 0 a 6 anos, para pequenos de 7 a 12 e para adolescentes de 12 en adiante, ademais de dous para adultos, un especificamente en galego e outro no que se combinan lecturas en castelán.
A expansión dos clubs de lectura nos últimos tempos é un fenómeno tamén presente aquí, e de feito este 2026/2027 soben a tres as iniciativas para maiores de idade, todas elas coordinadas pola escritora e xornalista malpicá Marta Villar, un labor que no caso dos menores asumen Sara Varela e Nerea López. O aumento débese á lista de agarda, explicou a edila de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, quen tamén desvelou que hai lista de agarda para o novo taller de escritura creativa, con candidatos mesmo de 12 anos. Tamén o dirixiría Marta Villar: «O seguinte paso é a alcaldía», riu ela. A ledicia é colectiva. Pacoret aludiu ademais a outras propostas, como son Rompendo barreiras e Ti tamén podes, antes de incidir en que pretenden que as dúas bibliotecas sexan «espazos abertos, vivos, dinámicos, seguros, onde poidamos aprender, conversar e crear». Máis que meros préstamos. O reto: enganchar máis ao público adolescente.
Biblioteca Rego da Balsa
Animación á lectura en galego. Para familias con crianzas de 0 a 6 anos. Dúas quendas, ás 16.00 e 17.00 horas. Coordina Sara Varela. Info: 981 758 850.
Infantil en galego. Con Sara Varela. Para nenas e nenos de 7 a 12 anos. Dúas quendas: 18.00 e 19.00 horas. Máis datos: 981 758 850.
Xuvenil en galego. Os segundos venres de cada mes, ás 19.00, conducido por Nerea López.
Persoas adultas en galego. Os segundos luns de cada mes, de 17.00 a 18.30, conducido por Marta Villar.
Persoas adultas. Os segundos luns de cada mes, de 18.30 a 20.00 horas, con Marta Villar.
Biblioteca Agra de Campos
Persoas adultas en galego. Club de lectura Carballo en galego. O primeiro venres de cada mes, de 17.30 a 19.00 horas. Botou a andar onte. Tamén neste caso coordina a escritora Marta Villar. Máis datos no 981 704 041.