Dezaoito follas, unha por parroquia, forman a nova imaxe do Concello de Carballo
CARBALLO MUNICIPIO
O goberno local renova a súa identidade visual incluíndo nela o seu propio territorio
01 sep 2026 . Actualizado a las 20:07 h.Dezaoito parroquias, dezaoito follas e un Carballo. Con esa idea, o Concello renova a súa imaxe corporativa para actualizar un logotipo co que o goberno local busca adaptarse á realidade dixital. «Non queríamos romper coa nosa identidade, senón facela evolucionar», dixo a concelleira de Facenda, Patrimonio e Réxime Interno, Belén Lendoiro, que abriu o acto. Sinalou tamén que a imaxe actual cumprira o seu cometido durante moitos anos, pero que era o momento de buscar reivindicarse como un «concello moderno» e implementar unha identidade visual «limpa, versátil, funcional e contemporánea».
O autor do deseño, Óscar Vázquez, comentou que tentou manter a pauta recoñecible da imaxe anterior, pero facilitando o seu uso nos diferentes formatos dixitais e impresos. O proceso de creación comezou coa recollida de 18 follas de carballo, unha en cada parroquia, para desenvolver a composición final, que busca envolver a «Carballo de punta a punta», dixo. Ao mesmo tempo, o sistema gráfico permite a cada unha destas parroquias utilizar unha imaxe individualizada con estas follas, mantendo un logotipo común pero abrindo a posibilidade á personalización máis local de cada territorio. O alcalde, Daniel Pérez, resaltou que esta nova imaxe transmite a poderosa idea de que «ningunha folla explica por si soa Carballo, pero se faltara algunha, Carballo xa non sería o mesmo».
Unhas parroquias que no acto de presentación deste martes estiveron plasmadas nas camisetas de dezaoito nenos e nenas, cada un representante do seu territorio. Pérez interpelounos directamente como representantes do futuro de Carballo, un concello que, dende o goberno municipal queren construír «respectando a súa identidade, orgulloso da súa lingua e atento ás súas parroquias para avanzar como unha comunidade unida». Tamén salientou a importancia de renovar a identidade municipal xusto no ano do 190 aniversario da constitución do propio Concello de Carballo.
O cambio de logotipo xa comezou este verán nalgúns elementos que se foron instalando, pero irase substituíndo de xeito gradual nos documentos municipais, nas rúas, nas redes sociais, nos equipamentos, nos vehículos e nos diferentes elementos nos que o Concello está presente.