A Milagrosa fai avance das súas festas

Z. Arnau, P. B. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Organización e ilustradora, na presentación do cartel esta mañá de mércores
Organización e ilustradora, na presentación do cartel esta mañá de mércores R. G. COUSIDO

O cartel deste ano loce unha ilustración saída do maxín da artista carballesa Laura Tova

05 ago 2026 . Actualizado a las 21:43 h.

A comisión de festas do barrio carballés da Milagrosa vén de presentar o cartel das súas festas, que irán do 4 ao 6 de setembro. Nel manteñen a aposta polo talento local, pois a imaxe deste ano é obra da ilustradora Laura Tova, carballesa, artista de consolidada traxectoria que dá continuidade á iniciativa organizadora dos últimos anos: contar coa colaboración de creadores da contorna.

As festas da Milagrosa volverán converter o barrio nun punto de encontro para veciñanza e visitantes cun programa que mestura tradición, música e actividades para todas as idades. O presidente da comisión, Luís Barca, que así o avanzou, destacou o carácter «moi de barrio» duns festexos marcados pola procesión da Virxe e polas tradicionais alfombras florais, que a veciñanza elabora durante a noite do sábado ao domingo nas dúas rúas polas que despois discorre a imaxe. O programa inclúe unha sardiñada popular gratuíta, o xa consolidado descenso de carros de bolas —proba lúdica aberta a cativos e maiores—, sesións vermú e actuacións musicais. Entre os reclamos desta edición, a actuación da orquestra Los Satélites.