O escritor vigués, todo un éxito de vendas e con nova obra á vista, dará este xoves o pregón da PLIC carballesa
08 jul 2026 . Actualizado a las 20:27 h.Entre os mellores compañeiros de verán, os libros. Carballo xa conta as horas para unha nova edición da súa PLIC, a Praza dos Libros que botará a andar este xoves 9 de xullo, ata o domingo, e á que lle dará apertura oficial co seu pregón o escritor Pedro Feijoo (Vigo, 1975). Falou en Radio Voz Bergantiños:
—O ano pasado a súa foi unha das presentacións estrela, con «Onde nacen as bestas». E volve.
—Ando a facerme o interesante para ver se me facedes fillo adoptivo en Carballo. Quero Praza dos Libros e praza directamente [ri].
—Non soa mal. Que sabor de boca lle quedou desa edición?
—Un riquísimo, e teño ademais memoria fresca do pratazo de polbo que comemos ao rematar a sinatura de libros. En Carballo hai maxia, e de feito así o direi no pregón: a de Carballo é unha luz que prende con moita forza no mapa da cultura en Galicia, é faro acendido na cultura. Non é só pola Praza dos Libros, sempre que me achego á vila marcho coa sensación de ledicia de compartir isto aquí, oxalá esta enerxía se compartirse a máis puntos.
—Hai vínculos de amizade?
—Si, claro! Teño bos amigos e amigas, libreiros... Teño feito talleres con rapazada nos que en verdade me ensinan a min tipos de talento. A cantidade de talento que teño recollido en Carballo!
—«Onde nacen as bestas» está a traer felices novas en moitos sentidos. A figura de Manuel Blanco Romasanta, poliédrica, moito máis alá dese tópico de home-lobo, chegará agora ao audiovisual. Que pode contar?
—Non moito, en realidade. Teño relación coa serie, pero non vai ser a serie da novela, iso hai que deixalo claro. Si estamos nun equipo común, traballando, e digamos que todo isto serviu para que se reactivase o interese polo nome e a memoria de Blanco Romasanta. É isto algo que me alegra moito, pois foi esa mesma unha das razóns que me levaron a escribir Onde nacen as bestas.
—Volvamos logo ao pregón. Pode avanzar algo do que contará?
—A primeira cousa que me preocupa cando nos encargan un pregón deste tipo aos escritores é que levamos unha especie de golpe que nos leva a falar todo con esdrúxulas, metáforas e demais. Esquecémonos moitas veces do importante, e neste caso gustaríame valoralo: o importante sodes vós, a xente de Carballo e a Praza dos Libros. Acada este ano a súa vixésima edición e isto é moi difícil. Manter unha iniciativa cultural coma esta activa, con forza, medrando, durante vinte anos... é iso o que o meu pregón pretende celebrar. E se en algo podo axudar a que ese faro inmenso que xa sodes alumee un pouquiño máis, pois xa terá pagado a pena. O meu primeiro pregón foi haberá uns trece anos, na Feira do Libro de Vigo, na miña cidade, a miña Feira do Libro dende neno. O recordo máis antigo que podo identificar penso que é xa no ano 80, e dende aquela penso que non houbo nin un só que non pasase por alí. Imaxina a vertixe de ter que inaugurala!
—Podemos ser optimistas coa lectura? Co que lemos?
—Podemos e debemos, clara e rotundamente. Sei que seguen sendo números baixos, que haberá xente que diga que é só o 8 % do libro en galego, pero temos que pensar que si se venden libros, que si hai lectores. Do contrario, eu non estaría aquí. Os clubs de lectura, no seu día espazos de resistencia que aínda seguen a ser, son hoxe nós que se os unes dun punto a outro de repente tecen unha rede grandísima. E funcionan. Faláronme hai uns días dun en Coia con 50 membros e lista de agarda para meses. A xente le. Quedan cousas por arranxar? Por suposto! Hai problemas? Evidentemente! Sen raiolas para a esperanza, eu mañá non estaría en Carballo. Teño tido a sensación de termos que estar aprobando constantemente un exame no que cada vez se nos pon a marca un pouco máis arriba, pero xa veño de volta dese discurso. Estamos traballando, estamos construíndo, tecendo un diálogo que é posible porque ao outro lado hai lectores cos que temos que estar dispostos a falar. Creo sinceramente que non hai momento máis rico ca o que temos agora. A literatura galega xa non está restrinxida a un único xénero. Temos poesía e narrativa de todo tipo, autores e autoras novas boísimas, facendo cousas de todo tipo... Temos ciencia ficción, fantasía, de todo! Libreiras e librarías revolucionando a maneira de comunicar. O resto é ruído, ruído moi amplificado.
—Di que escribe para contar unha verdade. Díganos unha: hai nova obra da súa autoría á vista?
—Si, hai, hai, e estou contento. Estes día ando de entrega, no diálogo coas editoriais para poñerlle o ramo. Sairá á volta do verán, alá para o 29 de outubro, e leva por título A boa morte en Xerais e La buena muerte en Ediciones B.
Mañá, ás 12.30 horas
A Praza dos Libros de Carballo, a PLIC, botará a andar mañá no xardín, e prolongarase ata o domingo. O pregón de Pedro Feijoo será na primeira xornada, ás 12.30 horas. O lema deste ano: «Vinte na PLIC!», polos 20 anos, un redondo aniversario.