Daniel Pérez: «En Carballo respírase, trabállase e fálase en galego todos os días do ano»
CARBALLO MUNICIPIO
O Fórum carballés acolleu onte a apertura do curso de verán sobre dinamización lingüística «Traballando en lingua»
08 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Cristina López, vicerreitora da UDC; Valentín García, secretario xeral da Lingua, e Daniel Pérez, alcalde de Carballo, abriron este a 19.ª edición do curso de verán de dinamización lingüística da UDC Traballando en lingua. Expresaron o seu desexo por recoller diversas voces que falasen sobre a normalización do galego. Destacaron a necesidade dos esforzos na educación e resaltaron o papel de Carballo como sede de influencia respecto ao idioma, segundo dixo Valentín García. «Aquí respírase, trabállase e fálase en galego todos os días do ano», manifestou Daniel Pérez.
Entre os relatorios, o de Francisco Rodríguez, doutor en Filoloxía Románica. Ofreceu unha conferencia sobre a evolución do galego desde a Transición ata a actualidade, denunciando o fracaso da normalización lingüística e o proceso de «españolización colonial». Na década de 1970, Galicia descansaba sobre unha base social agraria e un mundo rural no que o galego era a lingua habitual. Asegurou Francisco que a desaparición progresiva do campo como espazo produtivo e social, a urbanización e a transformación da sociedade galega reduciron drasticamente o número de falantes, acelerado pola falta dunha política lingüística efectiva. Reivindicou ademais a recuperación da toponimia tradicional —asunto que centrou unha mesa propia— como forma de preservar a memoria histórica, fronte ás imposicións do pasado, onde o español favorecía unha «amnesia histórica» sobre a orixe e condición do galego. Ao seu xuízo, o futuro da lingua dependerá da vontade social de convertela nun proxecto compartido de país, e non da transmisión familiar, cada vez máis debilitada.
Na mesa redonda da tarde sobre música en galego reuníronse Tereixa Novo, integrante de Fuxan os Ventos; Aldara Palmeiro, violinista e vocalista de De Ninghures, e Moncho Lemos, xornalista na CRTVG. Nela reflexionaron sobre o papel da música na recuperación e normalización do galego. Repasouse a importancia do traballo de Fuxan os Ventos polo seu labor de recompilación de música tradicional. Recuperábanas das aldeas ás que acudían para actuar, evitando a perda dun patrimonio cultural único. Interpretaban cancións en galego abordando temas como a emigración, a liberdade e a lingua, contribuíndo así a dignificar o idioma e a súa transmisión. Pola súa parte, Aldara advertiu que o éxito actual da música en galego non se traduce automaticamente nun aumento de falantes, malia que cada vez máis persoas escoiten e canten cancións en galego. Insistiu en que a normalización só será posible se a lingua mantén presenza noutros ámbitos: educación, cinema, mass media...
O PROGRAMA PARA HOXE
- 09.00 horas. Mesa redonda «Medios en galego: do impacto inicial á situación actual».
- 10.00. Conferencia e coloquio «Conciencia social do galego».
- 11.00 horas. Ruta polo mapa literario de Carballo.
- 12.30 horas. Mesa redonda e coloquio «O ensino: unha igualdade que nunca chega».
- 14.00. Grupos de traballo: elaboración de conclusións. Fin de curso.