Máis honras para o gran sabio dos nomes, Fernando Cabeza Quiles
CARBALLO MUNICIPIO
O Abaladoiro | O venres terá lugar en Ribeira outro acto de homenaxe, e o sábado, un clube de lectura centrado na súa última obra en Espiral Maior Foro
24 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Logo do emotivo acto que reuniu hai uns días a numerosos persoeiros do mundo da cultura en Carballo, continúan as homenaxes a Fernando Cabeza Quiles, o «máis grande experto en toponimia» falecido o pasado 1 de maio.
Desta banda, estase a organizar un acto de recordo, e ao mesmo tempo de presentación, en Ribeira, localidade coa que el estivo vinculado por motivos profesionais e que ten estudado para o seu volume Toponimia de Ribeira, incluído na colección Terra Nomeada da RAG. Promoven a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, a editorial Espiral Maior e o propio Concello, e será o venres, ás 20.00 horas, no Centro Cultural Lustres Rivas.
Ademais de para lembrar ao autor, o acto servirá tamén como presentación póstuma de Defuntos e santos inocentes, derradeira publicación de relatos feita por Cabeza Quiles. Intervirán Pastor Rodríguez, coordinador da asociación cultural Barbantia; Xosé Antonio Andrade, avogado e escritor coristanqués; María Sampedro, alcaldesa de Ribeira, e Miguel Anxo Fernán Vello, director de Espiral Maior.
Precisamente no espazo que rexenta este último en Carballo —onde hai uns días tivo lugar ese emotivo acto de homenaxe e reivindicación— se celebrará este sábado unha nova sesión do clube de lectura. E desta banda, a obra protagonista non será outra que ese Defuntos e santos inocentes de Cabeza Quiles. A reunión dará comezo ás once e media da mañá, na rúa do Sol.