Arte, corpo e diversidade na festa do Curruncho Cuir en Carballo
CARBALLO MUNICIPIO
O colectivo LGTBIQA+ carballés ten prevista unha intensa xornada este sábado
03 jun 2026 . Actualizado a las 23:15 h.Curruncho Cuir, colectivo LGBTBIQA+ nacido en Carballo no 2024, ten programado para este sábado 6 de xuño o que avanzan como o seu «primeiro gran evento», logo de distintas actividades xa desenvolvidas no Casino. Será unha festa que reivindican como espazo político, creativo e de coidado, «onde a diversidade se visibiliza e se celebra como forza colectiva». Un «espazo de encontro, creación e celebración da diversidade afectivo-sexual, de xénero e cultural» que terá o patrocinio da sala A Reserva e tamén a colaboración de Galería Manolo Eirín, Estudo Garabato, Casino, A Reserva e O Patacón. Actividades artísticas e participativas sosterán a xornada: «Arte, corpo e palabra mestúranse como formas de expresión e liberdade», avanzan desta cita.
A programación do sábado comezará ás 12.00 na galería Manolo Eirín, ao fío da exposición Ingredientes. De aí pasarán ao estudo Garabato, ás 13.30, con Mon Lendoiro, para a mostra colectiva Sen permiso: palabra e corpo. Xa pola tarde, ás 18.00, acollerá o Casino un obradoiro de regueifa contra a LGBTBIfobia da man de Xanhe O Rabelo: a tradición oral como ferramenta de expresión crítica e humorística fronte ás violencias. Un picoteo e un karaoke diverso dará paso á noite, xa dende as 23.00 na sala A Reserva e coa actuación de Saia Santa. A medianoite, a cita será no Patacón: pinchada de música diversa.
Todo o anterior, de balde e sen inscrición. Avanza Curruncho Cuir que está en proceso de transformarse en asociación LGBTIQA+. Segue a procurar persoas socias, colaboradoras ou voluntarias.