Xanel Vecino: «Ninguén obtivera deterxentes naturais da auga do millo»
CARBALLO MUNICIPIO
Ecovoz 2026 | Doutora en Enxeñería Química, a carballesa centra o seu traballo no aproveitamento integral de residuos agroforestais da industria
01 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Xanel Vecino é investigadora e doutora en Enxeñería Química pola Universidade de Vigo. Centra o seu traballo no aproveitamento integral de residuos agroindustriais. Dos viñedos ou do millo, esta carballesa consegue fabricar produtos farmacéuticos ou biodeterxentes.
—Cando se dá conta de que a deses residuos é unha problemática á que lle pode atopar solución?
—Cando me incorporei ao meu grupo de traballo, xa tiñan moito hábito de empregar residuos de diferentes industrias, sobre todo aqueles destinados ao sector agroalimentario. Hai que entender que estamos nunha contorna en Galicia que ten moitas industrias, como a do leite ou a do viño, que xeran residuos. Desde moi pronto sempre tiven moito contacto coa industria para solventar a problemática que eles tiñan cos residuos que xeraban nos seus procesos ou con materiais que non estaban a empregar. Para nós foi sempre como un recurso que queriamos empregar para darlle unha segunda vida útil.
—Cales son os residuos principais cos que traballan?
—Depende un pouco da industria. Na vitivinícola, traballamos moito co bagazo, que os produtores utilízano ás veces para a destilación e facer augardente ou como compostaxe nos campos, aínda que nós empregámolo como un material absorbente que ten a capacidade de atrapar contaminantes que as propias vitivinícolas teñen nas bodegas. Tamén traballamos coas podas da vide, que xeralmente se cortan e se queiman. Nós fixemos uns tratamentos químicos, unhas reaccións que desprenden os azucres para, despois, poñelos en contacto cuns microorganismos que nos producen diferentes produtos. Un deles é o ácido láctico, pero tamén xeran uns deterxentes naturais.
—A partir dese proceso co viñedo, vostede probou co millo e obtivo grandes resultados.
—Noutras comunidades cando se coce o millo xéranse unhas augas ricas en nitróxeno e carbono, que teñen unha flora microbiana que eles mesmos producen ao ir comendo os alimentos desa auga. Entón, de forma espontánea e non controlada, cando se coce o millo xéranse estes deterxentes naturais. Abríusenos unha fonte directa de obtención a un custo cero porque se produce directamente na industria. Cando os agricultores poñen os grans a cocer, estes deterxentes fórmanse pola acción dos microorganismos. Aí non temos ningunha ferramenta para controlar o proceso porque é algo que ocorre de forma natural. A partir do 2014, protexemos o descubrimento, porque ata ese momento ninguén dixera que destas augas de lavado do millo se podían obter deterxentes, e fomos traballando nos procesos de recuperación. Démoslle un valor engadido.