Paridade e profesionalización do muralismo: dous piares do «potente» festival carballés, en marcha na súa 12.ª edición
31 may 2026 . Actualizado a las 01:18 h.Se as primeiras cores chegaban o xoves, foi onte, venres, cando se lle deu o punto de saída oficial á 12.ª edición do festival Rexenera Fest de Carballo. Arte pública e mensaxe, como así se reivindicou en presenza de varias das artistas deste ano; do alcalde, Daniel Pérez, e do edil de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira.
Un cartel «potente» dixo este último e sostido en piares como o posicionamento firme do festival a favor dos dereitos laborais e a igualdade de xénero no sector da arte urbana. Neste senso, Regueira fixo fincapé no papel do evento como motor de profesionalización do muralismo: «As persoas artistas teñen que cobrar polo seu traballo igual que calquera outra profesional. O talento fai a nosa vida máis agradable, pero non pode ser gratuíto», trasladou o deputado. Semella doado de asimilar, mais queda camiño.
O Rexenera é un festival impulsado dende a Concellaría de Promoción Económica e Turismo, e neste senso incidiu tamén Regueira na necesidade de avanzar cara festivais igualitarios e paritarios que visibilicen ás creadoras. Mesmos cachés. Unha fórmula que, dixo, está a situar a provincia coruñesa no mapa desta disciplina.
Raquel Coba (Madrid), Ona Salvador (Baleares) e Isa Bermúdez (Carballo, Galicia) son as tres mulleres artistas desta 12.ª edición, aos que se suman Taxis (Grecia) e Lonac (Croacia), este último pendente de incorporación o luns. Todos interveñen no Barrio das Flores, onde seguirán ata o día 7, ou incluso un pouco máis.
Mención especial merece Isa Bermúdez, a primeira carballesa en integrar o cartel do Rexenera, un festival que viu medrar e ao que chega con emoción, orgullo e responsabilidade, segundo dixo. Agradeceu a aposta do Concello polo talento local, pola paridadade e o respecto ao traballo do artista: «A cultura cóidase e faise dende a base».
Daniel Pérez, alcalde, falou dun Rexenera que xa é identidade, identidade colectiva: «Carballo demostrou que o urbanismo e a arte poden camiñar da man para facer unha vila máis amable, máis humana e máis atractiva». Tamén puxo o foco en como a veciñanza acolleu a iniciativa: «Carballo volve demostrar que a vangarda tamén se escribe dende o municipalismo», declaro onte o rexedor.
Máis alá dos avances dos murais, avanzará tamén hoxe a programación paralela. Para exemplo, un taller de laboratorio de tintas vexetais. Poden consultar as propostas en turismo@carballo.gal.