Farruco Graña: «Non sei debuxar, así que a miña paleta de cores é o dicionario»

Mon Lendoiro / Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Farruco Graña
Farruco Graña

O escritor e comunicador carballés pasou hai uns días por Radio Voz Bergantiños para falar da súa última publicación: «Eu voun navegar»

28 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Polo Recuncho de Mon, espazo radiofónico conducido semanalmente por Mon Lendoiro, pasou estes días o escritor e comunicador carballés Farruco Graña para falar da súa última publicación: Eu voun navegar, un compendio de relatos nos que a paisaxe é o fío fundamental. Editado por Lar Libros, conta con ilustracións do propio Lendoiro.

—Que é «Eu voun navegar»?

—A necesidade de coñecer cousas novas e o desexo de traspasar os límites do máis inmediato e de buscar novos horizontes, como levamos facendo os humanos dende sempre. Xa non falamos dunha supervivencia física, senón intelectual e moral: canta máis diversidade, máis respecto e máis riqueza.

—Por que dá tanta importancia a escribir dende os lugares?

—Porque como non sei debuxar, a miña maneira de facelo é usar as palabras. A miña paleta de cores é o dicionario, tanto o escrito, o convencional, como o da tradición oral. Inspírome no que teño fronte a min, xa sexa Bergantiños, a Mariña, o Courel...

—Fala de memoria colectiva. Teme que se estea perdendo a conexión coas historias e coas raíces da terra?

—Non me gusta ser pesimista, pero, evidentemente, corremos ese risco. Esta sociedade cada vez máis automatizada, máis uniforme e máis cortada por ese patrón do consumismo cego pódenos levar a perder as orixes, pero estas sempre van acabar saíndo dalgunha maneira, de forma espontánea. Esa vitalidade, ese nervio da singularidade coa que nos criamos e empapamos durante a infancia... O meu desexo é cultivala para tela presente.

—Como é o proceso que adoita seguir para escribir?

—No anterior libro, por exemplo, un dos relatos veu dunha anécdota que me comentou miña nai, e lembrándoa, tamén a manteño viva a ela. Noutra ocasión, quixen facer unha historia en base a esas cores que decoran os muros de Carballo.

—Desta banda, un dos relatos máis longos é o que dedica precisamente á capital bergantiñá.

—É o máis longo, porque foi medrando. Percorrer tódalas parroquias de Carballo e tódolos regatos e afluentes que configuran esa gran constelación que é o río Anllóns —como fixo Manuel María coa súa Terra Chá ou Uxío Novoneyra co Courel— foi unha viaxe preciosa, pero requiriu de tempo, espazo e método.

—Tamén aborda a estreita relación existente con Xenebra.

—De pequenos, viamos os coches de toda esa xente que viña de Suíza polo verán, e sabiamos os anagramas dos cantóns. Era tal a cantidade, que daba para coñecer media Suíza. Para min hai un vínculo moi importante e especial con Xenebra, e eu mesmo tiven a oportunidade de experimentalo. Agora que estamos empezando a vivir ese fenómeno migratorio no sentido inverso, claro que debe ser ordenado, pero non podemos esquecer que nós tamén fomos ilegais alí.

—Algún dos relatos ten un significado especial?

—Todos son especiais, porque todos teñen a súa anécdota, pero diría que nestes momentos é o propio «Eu voun navegar», ambientado no Courel. Lembro cando acompañei a Uxío Novoneyra nunha viaxe preciosa de Santiago a Carballo, e despois tamén coñecín a Antonio López, unha persoa que sentía moitísimo orgullo de ser do Courel. Digamos que fusionei ambas cousas.

—Que paisaxe elixiría para pasar o resto da súa vida?

—Non sei se o resto da miña vida, pero cando xa non estea por aquí gustaríame navegar polas augas da ría de Ribadeo e polas da praia de Razo e Baldaio. Son dúas paisaxes que me seguen conmovendo moitísimo.

—Ten previstas presentacións desta nova publicación?

—Estiven recentemente por Lugo e Ribadeo, e agardo pasar tamén pola PLIC! [feira do libro de Carballo] o vindeiro mes de xullo. Estou tamén pendente dalgunha feira máis á que me poida achegar.