Domingo para embarcarse en BioSaúde e na Feira das Letras

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Clase de vinyasa flow, con Xiahong XU (Xiaohongyoga)
Clase de vinyasa flow, con Xiahong XU (Xiaohongyoga) BASILIO BELLO

Cando menos, dúas citas comerciais destacadas este 10 de mio: en Carballo e en Baio

10 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Corpo e espírito. Máis alá das feiras semanais, as dúas citas comerciais desta fin de semana —BioSaúde co CCA en Carballo e Feira das Letras con BaiOn e Concello de Zas en Baio— unen eses dous conceptos. Na noite do venres, o protagonismo nos sete locais participantes na Ruta de Tapas baiesa tíñano eses petiscos a 2,50 euros, pero tamén o partido do Dépor. En Casa Rogelio serviron cachopo con forza e no Trébol os padais saboreaban propostas como ese montadito cubano con carne mechada, cebola e un toque de lima. Xa pasadas as oito da tarde había bo ambiente, xeracións distintas, e aínda estaba por vir toda a xornada de onte, na que seguía a gastronomía, os descontos en tendas e botaba a andar a programación cultural e lúdica na carpa da praza Jorge Mira. Abriron dun xeito dinámico Xosé Manuel Varela e Nerea Gomez, coautores de Begoña Caamaño.

Hoxe seguen as tapas, seguen os descontos (busque os locais identificados!) e as citas culturais: pasarrúas con Churía e Adro (12.00), encontro arredor da memoria histórica con Luís Lamela e Josefa Suárez (12.00), pases do mago Antón ás 13.00, 17.00 e 18.30, diversión infantil toda a tarde a base de rocódromo, tirolina e inchables, charanga Os Atrevidos (17.30) e presentación do libro infantil e xuvenil O mapa da túa sexualidade, de Laura Veiga (18.00).

Tapas no bar Trébol, un dos sete locais participantes na Ruta de Tapas baiesa
Tapas no bar Trébol, un dos sete locais participantes na Ruta de Tapas baiesa BASILIO BELLO

No mercado de Carballo

A xulgar polas treboadas intermitentes, foi ben acaída a decisión de levar a cuberto a segunda edición de BioSaúde en Carballo, un encontro e espazo arredor do benestar impulsado dende o Centro Comercial Aberto (CCA). Con 17 proxectos nos expositores, aínda está a tempo de pasar pola segunda planta do mercado municipal, onde de 10.30 a 14.00 horas ofrecen os seus productos e prestacións A despensa que pensa, O Lagar, Aloe Estética e Herboristería, Anxaina, Íntegro, Azue Vida Natural, Codesal Mel e Licores, Lácteos Ameixenda, Mary Kay, Refugallo Zero, Ritello A Coruña, Sentires, Studio ZCV ou Zucaro. Onte, nas primeiras horas, pasaron polos postos un bo número de concelleiros, tamén o alcalde, Daniel Pérez. A tarde aínda se animou máis.

Talleres, charlas e faladoiros tiveron boa acollida, e segue tamén hoxe. Máis alá da dieta, con Lidia Troitiño, ás 11.00; cosmética natural para pel madura e taller de maquillaxe en procesos oncolóxicos, con Ana Rodríguez, Ángeles Barallobre e Elisa López (12.00) e cata/degustación de vermú ecolóxico e callos do restaurante Albaroque da man de Adega O Lagar (13.00). Outra parada esencial, a quinta Pequefeira, mercado de artigos con materiais reciclados de 12.30 a 13.30.