Sensibilidade e ollada propia: Carballo entregou os premios do seu 28.º certame de fotografía Xosé Manuel Eirís
CARBALLO MUNICIPIO
Noite de cálida lembranza no Pazo para o creador que dá nome ao concurso, pero tamén para Cabeza Quiles
07 may 2026 . Actualizado a las 04:14 h.«Deixan o listón moi alto en sensibilidade, en maneiras de mirar e de amosar a realidade. En tempos de inmediatez e fugacidade, a fotografía permítenos fixar un momento». Esa foi, este mércores, a mensaxe que Daniel Pérez, alcalde de Carballo, quixo trasladarlles aos gañadores da 28.ª edición do certame Xosé Manuel Eirís, cuxos premios se entregaban no andar -1 do Pazo da Cultura. Con case tres decenios de traxectoria de concurso, afirmou o rexedor, o compromiso de Carballo coa cultura é claro, e dende logo, éo tamen «con esta forma de expresión artística que é a fotografía». Non sería posible o certame, con todo, sen patrocinadores, nin sen artistas.
Eles foron os protagonistas da noite, como tamén o sempre lembrado Xosé Manuel Eirís e, con el, e logo da súa inesperada morte, o escritor Fernando Cabeza Quiles, para quen houbo varias lembranzas. Tamén as houbo para Evencio Ferrero, exalcade, e durante tanto anos presente na mostra. Non faltou tampouco este mércores, mais nesta ocasión entre un público que escoitou a Ángel Cordero, en representación do xurado, falar do atrevemento dos creadores, da diversidade de propostas, do xeito de amosar espazos.
Gasolinera en Armagossa valeulle a Xavier Ferrer Chust, xa multiplemente premiado, o primeiro posto (1.500 euros). Luz, fondo desértico, contraste adecuado, unha realidade que todos coñecemos e que, quizais, non adoitemos equiparar á beleza. Mais aí está, nunha mirada distinta e nunha ollada particular. Patrocinado pola Fundación Luís Calvo Sanz, o segundo premio (750 euros) foi parar a José Manuel Pérez Pena por Amencer, a imaxe dun cubo de lixo tomada en Santiago de Compostela na mañá do 25 de xullo, logo dunha noite de botellón. Para el, caos ordenado, pero caos; lixo recollido, pero lixo.
Dmytro Yaroshevskyi, ucraíno, veciño da Imende dende hai case un ano, cedeulle á voz á súa dona para expresar o agradecemento por ese Premio Especial Carballo (500 euros) que patrocina Interfilm e que lle foi outorgado pola imaxe que titulou La ansiedad: «Llegamos el verano pasado. Aquí nació nuestra tercera hija. Sobre la foto, la tomé cerca de casa durante una quema controlada. Poco después vivimos un gran incendio cerca de Caión y ahora pasamos cada día junto al bosque quemado. Ansiedad para nosotros tiene tres significados: preocupación, por unos incendios que cada vez son un problema más frecuente; futuro, pues si no hacemos algo hoy nuestros hijos vivirán esto cada vez más, y esperanza, porque cuando el mundo está en llamas la vida continúa, aunque sea con ansiedad». Roxanne, unha obra de Miguel Ángel Vijande Cea, mereceu o accésit (300 euros): tomando como inspiración o tema de The Police, este é un retrato psicólogo e interior, un alegato contra a violencia machista e contra a prostitución, dixo o seu autor.
Festexou Maruxa Suárez, edila de Cultura, tal reunión de xente arredor da fotografía: «Este certame leva case trinta anos formando parte do noso programa cultural. En Carballo pensamos que a cultura merece ser coidada e apoiada», afirmou, antes de lembrar que o concurso é un xeito de que a memoria de Eirís non se perda. Ao longo de todo este tempo pasaron por Carballo máis de 1.500 artistas e máis de 3.500 obras. As cifras deste ano: 117 fotografías de 48 creadores. Dende onte, precisamente, pode visitarse no Pazo unha exposición coas imaxes máis destacadas da 28.ª edición.