Unha romaría de meigas e veciñanza, no cartel do San Xoán de Carballo 2026

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Presentación do cartel do San Xoán 2026 en Carballo
Presentación do cartel do San Xoán 2026 en Carballo BASILIO BELLO

A imaxe, da autoría da artista carballesa Isa Bermúdez, deuse a coñecer este martes no xardín municipal 

05 may 2026 . Actualizado a las 16:33 h.

A artista carballesa Isa Bermúdez confesou este martes que acaba de ver cumprido un soño «de sempre»: dar vida ao cartel das festas patronais da súa terra, o San Xoán. A imaxe vén de coñecerse e a satisfacción coa proposta é unánime. Saíu o sol no xardín municipal e para Maruxa Suárez, concelleira de Cultura e Festas, ben pode ser sinal «de que teremos un San Xoán solleiro». A comisión de festas, integrada por 15 persoas, decidiu este ano mudar o proceso para a creación do cartel, deixando a modalidade concurso que se viña facendo ata o momento e optando por encargallo directamente a artistas carballeses. «Fixemos unha listaxe e decidiuse por unanimidade encargarllo nesta ocasión a Isa, cada ano será un», avanzou a concelleira. Para Sergio Varela, presidente da entidade organizadora, os resultados amosan que a decisión non puido ser máis acertada: «É un cartel que conxunta moi ben todo o que ten o noso San Xoán». Explicouno a propia Bermúdez, agradecida coa nova modalidade e coas «condicións dignas» que facilitan un bo traballo. 

Sergio Varela, Isa Bermúdez, Daniel Pérez, Maruxa Suárez e Daniel Barreiro, na presentación do cartel do San Xoán 2026
Sergio Varela, Isa Bermúdez, Daniel Pérez, Maruxa Suárez e Daniel Barreiro, na presentación do cartel do San Xoán 2026 ANA GARCÍA

Quixo ela explicar nun cartel, sobre todo aos que cheguen de fóra, «todo o que pasa aquí en Carballo no San Xoán». O seu debuxo é unha romería estampada sobre un fondo desas herbas que se procuran para a noite do 23 de xuño, unha romaría protagonizada por esas meigas que a lenda sitúa no Monte Neme facendo a súa propia cachela. Familia e amizade. Unha romaría de meigas e veciñas, e «algún animaliño por aí», así como un neno portando un caldeiro para a auga do San Xoán, unha sardiña a modo de dragón chino, unha banda de gaitas e, todo isto, cun aire fantasioso alusivo á infancia. É a época na que, quizais, máis marca o San Xoán, é aí cando impregna todas as lembranzas. Bermúdez quitoulle pátina negativa ás meigas, que ás veces non eran máis que «mulleres que sabían de herbas»: «Todos en San Xoán facemos rituais que semellan de meigas. Hai un pouco de maxia en todas as festas, no San Xoán dende logo».

Isa Bermúdez, durante a explicación da súa creación este martes
Isa Bermúdez, durante a explicación da súa creación este martes ANA GARCÍA

Daniel Pérez, alcalde, estendeu esa «ilusión» pola festa patronal ás idades máis maduras, unha celebración que é en verdade «soño». Trasladou os seus parabéns á creadora e á comisión, pola decisión tomada: «En Carballo hai canteira artística e esta é unha maneira de visibilizar o talento, do que es un expoñente, ti es a primeira, abriches camiño. Feliz San Xoán e a disfrutar!», trasladoulle a Isa. Daniel Barreiro, edil de Deportes e Mocidade, avanzou que, en vindeiros días, se irán coñecendo pezas do programa deste ano: «Vén con novidades».