O Abaladoiro | Concorrida inauguración do centro social da parroquia carballesa, situado en Xoane e de destacada arquitectura
02 may 2026 . Actualizado a las 19:05 h.«Casa aberta, lugar de encontro, fraternidade e esperanza», «espazo para servir a comunidade». Así foi como dende a asociación de veciños San Esteban de Goiáns (Carballo) se presentou este sábado, durante a súa inauguración, o novo centro social desta parroquia, situado en Xoane. «Non só abrimos unhas instalacións, celebramos un proxecto que naceu do esforzo compartido, da ilusión e unión (...) Non só é unha obra fermosa, é símbolo do que somos capaces cando unimos talento, memoria e compromiso», escoitouse. Veciñanza e Concello, cunha inversión deste último superior aos 400.000 euros, tal e como se lembraba nesta xornada.
Co consistorio representando, entre outros, polo seu alcalde, Daniel Pérez, e con bendición do inmoble a cargo do párroco José García Gondar, foi o deste sábado en Goiáns un día de festa, polo que dende a entidade veciñal agradeceron a todos canto o fixeron posible. Tiveron sesión vermú, baile amenizado por Rocío Pérez e xogos para os nenos, abrindo así a historia dun edificio que tiña motivo dobre de festexo. Ademais da estrea, o ter sido unha das 13 obras galegas seleccionadas para competir na final dos Premios de Arquitectura do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España. É da autoría de Laia Cervelló e Miguel Fernández-Galiano, unha construción senlleira que pasa a engrosar a rede municipal carbalesa de centros sociais. Tamén o alcalde aludiu a esa comunidade a facer, ben necesaria nestes tempos que corren.