Teño comentado en ocasións diversas que de escoller unha única decisión en vinte e dous anos de alcaldía, sen dúbida sería contemplar ao persoal laboral de Aspaber facendo a limpeza das nosas rúas como o mellor exemplo de construír entre todos ese bo lugar para vivir do que tanto falamos en Carballo.
Fomos pioneiros na confianza a un centro especial de emprego e oxalá este exemplo servira a outras moitas Administracións nas necesarias oportunidades laborais para poder demostrar todas as capacidades dos nosos veciños.
Escoitar no salón de plenos a emoción e agradecemento do representante de Aspaber na recollida dos premios Carballés do Ano de 2005 outorgados por máis de trinta entidades sociais da comarca foi a mellor mostra do recoñecemento ao bo facer e exemplaridade.
Se o primeiro contrato foi asinado en 2004, as renovacións posteriores, a última en 2025, avalan ese excelente traballo, que ademais permitiu ao noso querido concello recibir en Madrid o premio Escoba de Ouro polo bo facer do persoal de Aspaber. Pero Aspaber sempre foi algo máis. Cincuenta anos de existencia así o demostran en innovación social, en proxectos de innovación e emprego en ilusión e esforzo.
Visitar as instalacións é a mellor estampa do traballo feito, e desde aquí quero trasladar o recoñecemento a todas as persoas que manteñen viva esta entidade: responsables técnicos e persoal, familias e colaboradores, todos necesarios para que día a día se acheguen ás instalacións da Brea quen precisa do coidado e atencións, recollidos porta a porta.
Quen asistimos á gala de Nadal vemos, ano tras ano, o cariño e o traballo de profesionais exemplares; quen asistimos a moitos encontros de centros especiais de emprego valoramos o que Aspaber representa para outras moitas entidades; quen asistimos a recoñecemento de empresas asociadas en Cegasal sabemos a importancia de abrir oportunidades para demostrar as capacidades. Por todo isto o profundo agradecemento a Aspaber por recoller durante cincuenta anos o ORGULLO CARBALLÉS.
A imaxe que acompaña este artigo, que Evencio Ferrero asina só como «carballés», aparece o propio exalcalde durante a homenaxe que os usuarios lle ofreceron o 17 de outubro do ano pasado.