Galeatro, con Xarope Tulú, vén de gañar dous premios María Casares coa obra «Berenguela na gaiola». «Viva Carballo!», escoitouse no Teatro Rosalía de Castro
09 abr 2026 . Actualizado a las 17:02 h.No Teatro Rosalía de Castro da Coruña escoitouse o mércores: «Viva Carballo!». O municipio enteiro está de noraboa. Ocorreu logo da intervención de Alba Bermúdez, carballesa e fundadora con Tone Martínez, alá polo 2015, da primeira compañía de teatro profesional da vila: Galeatro. Na que foi a 30.ª edición da gran noite do teatro galego, a agrupación vén de obter dous Premios María Casares pola obra Berenguela na gaiola, un proxecto ao que tamén sumou forzas Xarope Tulú. Foi elixido mellor espectáculo infantil e mellor adaptación e tradución, neste último caso un traballo de Paula Carballeira. Ten selo carballés por moitas vías, e por aí viñeron as palabras de Bermúdez ao recoller o galardón: «Moitas grazas ao FIOT e ao Concello de Carballo, que coproduciron este noso espectáculo, e antes outros. Fronte a concellos que maltratan a cultura, é unha sorte ter nacido nun que a impulsa e que é un referente deste país. Un orgullo». Coproducen asemade CDG e Casa Museo Manuel María. Así a presentaban no seu día.
Bermúdez abundou este xoves en Radio Voz nas súas palabras: «Foi unha noite moi emotiva, estamos felices». Berenguela na gaiola «é un proxecto que naceu ben [premio Manuel María] e continúa ben na súa traxectoria: desta saíu ben, pero Carballo xa ten apostado outras veces que non saíu tan ben, está [para a cultura e o teatro] nas boas e nas malas». Teñen datas coa función mínimo ata decembro, e agarda que sigan, como continúa tamén aquela súa Muiñada mentres, avanza, traballan xa nun novo proxecto que agardan que saia «en breve».
Explicou Bermúdez que o 2025, ano do décimo aniversario, foi tempo de ir «recollendo froitos», logo do redespegue ao que obrigara a pandemia: «Estabamos xusto estreando Carabela. Foi un golpe duro». Teatro para público miúdo está no ADN da compañía: «Convén darlle importancia ao teatro familiar. É público hoxe e será o público adulto do futuro. Estes premios son un impulso, dan ganas de seguir traballando», sinalou Alba.