O equipo de «Atrápame se podes» regresa a Carballo na procura de concursantes
CARBALLO MUNICIPIO
De 11.00 a 14.30 haberá mañá na praza cástings presenciais
08 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O popular concurso televisivo Atrápame se podes regresa a Carballo na procura de aspirantes que desexen probar sorte no formato e optar a gañar un bote que xa supera os 24.000 euros.
O equipo aproveitará a xornada de feira e celebrará mañá, de once a dúas e media da tarde, unha nova rolda de cástings presenciais nun espazo habilitado para tal fin na zona da praza (en caso de chuvia, trasladaranse á entrada do Mercado Municipal).
Para participar non é necesario contar con experiencia previa en televisión, basta con que os aspirantes teñan 18 anos, saiban expresarse en galego e estean dispostos a pasalo ben e a poñer a proba os seus coñecementos en distintas áreas temáticas.
En caso de non poder asistir presencialmente á proba, as persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo atrapamesepodes@csag.gal ou unha mensaxe de WhatsApp ao número de teléfono 618 38 80 87.
Presentado polo comunicador ourensán Rodrigo Vázquez, o concurso emítese de luns a venres na canle, ás 15.40, na canle autonómica. A través de cinco probas eliminatorias, outros tantos concursantes van probando os seus coñecementos en áreas como a música, a gastronomía, a xeografía ou a actualidade ata que só queda un único finalista, que compite para tentar levar o bote. Un bote que xa gañaron anteriormente Iván Pantín, que logrou 101.800 euros, ou o cabanés Pablo Pose, que o ano pasado conseguiu facerse con 23.600.