Pretendíase unha loa e acabou sendo mofa: o documental «Al-Nasr Al Tair» poderá verse este xoves no Pazo da Cultura
26 mar 2026 . Actualizado a las 01:10 h.Xoves 26 de marzo • 20.00 horas • Unha pretendida homenaxe a unha autoridade que rematou sendo unha película cómica e de mofa e chegando aos tribunais, sen satisfacción total para ningunha das partes. Ese podería ser o resumo curto. A programación Cultura con forza de Carballo ten entre as súas seccións unha que deron en chamar A través da lente, encontros para os amantes da fotografía e da imaxe que inclúen para este xoves 26 de marzo, ás 20.00 horas, a proxección dese filme que permitirá aos espectadores revivir un disparatado episodio da historia local recente.
Os protagonistas do ocorrido alá polo tardofranquismo son tres. Ou catro. Todos concorren dalgunha maneira no filme Al-Nasr Al Tair (1969), precisamente a peza que se verá na localidade (49 minutos). En Carballo rendéranlle daquela homenaxe ao tenente xeneral de aviación Eduardo Pardo y Castro, carballés. Un concelleiro, Felipe López Fernández, filmou imaxes dese tributo, e outro, Antonio Pérez Iglesias, ocupouse do son cun magnetófono. Con ese material dispoñible e estimando que tal vez Pardo y Castro acabase sendo ministro do Réxime —de aí os fastos—, decidiu o Concello facerlle un agasallo a modo de película de propaganda e enxalzamento, un traballo que lle encargaron ao cineasta José Ernesto Díaz Noriega (JEDN), catalán afincado en Galicia (1912-2002).
Cabe sinalar que boa parte da súa produción son pezas cómicas e irreverentes e que el recibiu aquí a petición de facer o que libremente entendese cos documentos que se lle achegaban e que debería «montar». As crónicas e análises do sucedido citan como resultado unha película «brillante, orixinal, inclasificable», na que ás imaxes se lle superpoñen diálogos que nada tiñan que ver, mesmo de anuncios publicitarios, co cal militares, prebostes e autoridades varias da época, todas as que naquela homenaxe estaban, acaban dicindo as cousas máis desatinadas e sacadas de contexto. A burla comeza xa no propio título, Al-Nasr Altair: a aguia que voa. Retranca non lle faltaba ao creador. O filme non gustou nada, claro, e Pardo y Castro tampouco acabou sendo ministro, polo que o agasallo xa carecía de sentido.
Con todo, JEDN quixo cobrar os seus honorarios, lóxico, e acabou demandando ao edil Felipe López Fernández. Argumentaba JEDN que ata un xordomudo tivera que contratar para saber que dicían os beizos nas imaxes que a el lle pasaran. Outra cousa foran as horas invertidas para imprimirlle ritmo ao filme «y que vds. no se aburrieran demasiado». Era o xuízo dun particular contra un funcionario, aínda en ditadura. A sentenza foi excepcional sendo a época que era, pois se ben López foi condenado a pagarlle ao cineasta 45.000 pesetas máis intereses —e por tanto recoñecía o xuíz un concepto de autoría—, perdía JEDN a copia do seu filme. Estivo oculta ata que no Concello carballés, ano 1985, alguén a atopou nunha lata rotulada como Viaje a Bulgaria. Incrible!
Os datos clave
Cando e onde. A proxección da película «Al-Nasr Altair» (1969) chegará na tarde deste xoves 26 de marzo a Carballo da man do Concello e do Museo do Pobo Galego. Unha película con ese corte provocador que tanto ten caracterizado ao cineasta Díaz Noriega e que poderá verse ás 20.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. O acceso é libre e gratuíto. Contará a sesión coa presentación de Ana Estévez Lavandeira, responsable do departamento de Educación e Acción Cultural do Museo do Pobo, e rematará cun coloquio a cargo do experto en cine histórico Julio Vilariño.
MÁIS CULTURA CON FORZA ESTA FIN DE SEMANA EN CARBALLO