Conferencia do sabio Rabuñal, este venres no Casino de Carballo
CARBALLO MUNICIPIO
Promove o Instituto de Estudos Bergantiñáns (IEB): a cita está programada para as 20.00 horas
09 mar 2026 . Actualizado a las 20:11 h.Venres 13 • O Instituto de Estudos Bergantiñáns (IEB) programou para este vindeiro venres 13 de marzo unha conferencia a cargo do recoñecido ornitólogo José Luís Rabuñal Patiño (A Coruña, 1941). Será ás 20.00 horas, no Casino, un acto presentado polo historiador Luís Giadás e con presenza tamén do ornitólogo carballés Xabi Varela. Aberto ao público, de acceso libre.
Presidente de honra do grupo naturalista Hábitat, socio da Sociedade Galega de Ornitoloxía e gran experto na identificación de aves —é autor de máis de 240 descricións de rarezas—, Rabuñal Patiño ten un fondísimo vínculo coa Costa da Morte. Máis aínda co esteiro do Anllóns, espazo ao que leva feito máis de 5.000 visitas, ou coa lagoa de Traba de Laxe, que visitou en máis de 3.000 ocasións. Nestes lugares, e arrastradas polas borrascas procedentes do Atlántico, el foi quen descubriu as primeiras aves americanas.
Con todo, o coñecemento de Rabuñal, xa co galardón de Bo e Xeneroso, vai moito máis alá da avifauna. O seu, como din dende o IEB, é «un coñecemento integral do territorio». Confírenlle o atributo de «sabio» e engádenlle as calidades da humildade, a empatía, a capacidade de escoita, a curiosidade pola aprendizaxe e o interese por compartir o coñecemento, «o que o converte nunha persoa bondadosa e humanista».
O venres, oportunidade única para achegarse a el.