É candidato aos Mestre Mateo e ten a Alejandro Gándara Porteiro como codirector
27 feb 2026 . Actualizado a las 23:47 h.Sábado 28 de febreiro • 19.00 horas • Casino • Avanzará este sábado 28 de febreiro no Casino de Carballo o ciclo de cine documental en galego Galidoc, no que para as 19.00 horas está programada a proxección de 360 curvas, un traballo de Alejandro Gándara Porteiro (Baio, 1993) e Ariadna Silva Fernández (A Estrada, 1996). O documental, candidato este 2026 aos Premios Mestre Mateo, é unha mostra máis da sensibilidade dos dous directores e da súa relación co territorio. Ambos teñen destacados precedentes, no caso de Gándara Porteiro, por exemplo, con Dorothé na Vila, unha volta aos espazos polos que a etnomusicóloga Dorothé Schubarth pasara hai xa decenios.
Alejandro, criado a medio camiño entre Carballo e Baio, estará este sábado no Casino para participar nun coloquio posterior á proxección. Pasou este venres polos micrófonos de Radio Voz, onde comentou que a acollida de 360 curvas está mesmo a superar as expectativas: «Temos produtora e distribuidora, unha produción algo máis profesional ca en Dorothé, que case era algo entre amigos, e iso nótase. 360 curvas é como se lle chama á estrada que separa Lugo e A Fonsagrada, unha estrada ben complicada que escollemos como símbolo da película porque conecta moi ben pasado e presente, que é un pouco do que vai o filme. Alí houbo nos 90 unhas protestas moi coñecidas, contra o desmantelamento de servizos no rural, contra o abandono institucional... Que se mellorase a estrada era unha das reivindicacións, e hoxe segue a ser esa estrada na que nace e morre xente camiño do hospital, pola que segue marchando e volvendo xente...». Unha problemática, aínda que concreta, que se pode extrapolar a calquera zona do rural: «Iso é o que nos gustou, nós non somos de alí, pero si Adrián Méndez, parte do equipo e un dos protagonistas».
A estrea de 360 curvas foi no prestixioso Festival de Cine Internacional de Xixón, pasaron logo por varios festivais galegos (A Coruña e en Santiago) e en salas de cine levan máis dun mes, co difícil que hoxe é a aposta por un traballo así. A Fonsagrada, Santiago, A Estrada, Monforte, Ferrol... Non é o habitual, sendo un documental de «cine social» e mesmo «cine político». Para o mes chegarán a Vigo e a Viveiro, e todo a maiores destas proxeccións con entidades, como será o caso deste venres en Catoira ou deste sábado en Carballo da man do Casino. Lembra Gándara Porteiro o «bonito» que foi a preestrea na Fonsagrada, a pesar dos días de temporal e mesmo da neve.