Civismo

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO MUNICIPIO

Última zona en limpiar
Última zona en limpiar

Éboa cousa que en eventos como o da Mikaela, que reúnen a milleiros de persoas, a maioría novas, empecen a verse xermolos de civismo co lixo, botando bolsas e botellas onde hai que botalas: no contedor. Pero é mala cousa que siga habendo centos de rapaces (e non tan rapaces) que nin o fan nin o van facer, así teñan o sitio exacto a un metro. Que mecanismo mental leva á xente a comportarse así? Algunha dinámica de grupo que se me escapa, marcada polos fervores etílicos? Algo que viches que outros fixeron, así fosen teus pais, e por falta de educación e ata vagancia dis que hai que perpetuar esa forma de actuar, que ao final vai contra o ben común e xeral? O feito de saber que ninguén do teu entorno che chama a atención nin che reprocha nada?

Levamos xa varias xeracións con ensino de calidade, con coñecementos que en teoría nos fan fuxir da brutalidade dende o racional, e nin así. Non hai maneira. Creo que moita xente ten que facer dano no público para sentirse ben, non hai outra. E de todas as idades, ollo. Empezando por tirar as cabichas indiscriminadamente, seguindo por non recoller os excrementos do can (o Concello de Carballo ten que colocar sinais para lembrar que iso é obrigatorio!), e ata hai quen rouba as flores que se plantan en xardíns e rotondas (volvo ao caso de Carballo, pero ocorre en moitos lugares).

Cando comento estas cousas sempre hai quen me di que esaxero, que a gran maioría é cívica, que os que actúan mal son unha minoría. Home, claro! Só faltaba. O tema son esas ducias, centos (penso que miles, pero direi que non) de persoas cun desleixo enorme ao que é de todos, pero coma se fosen deles.