A regueifa sobe ao teatro con ovación

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

A regueifa, no seu tempo de tabernas: na escena, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira, con Lupe Blanco na pel da pioneira regueifeira Leonarda de Tallo. Improvisadora nun mundo que ata entón era só de homes
A regueifa, no seu tempo de tabernas: na escena, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira, con Lupe Blanco na pel da pioneira regueifeira Leonarda de Tallo. Improvisadora nun mundo que ata entón era só de homes ANA GARCIA

Noite «histórica» en Carballo para esta vella arte de improvisación oral: «Territorio Regueifa» inicia xira e «evanxelización» por Galicia adiante

07 feb 2026 . Actualizado a las 15:22 h.

O que ocorreu este venres en Carballo coa estrea de Territorio Regueifa rematou por ser, e quizais nin o propio director o sabía, a meirande clase de improvisación oral seguramente nunca vista. Nun auditorio de 350 prazas, case aos topes, o mozo Marco, de 14 anos, ofreceuse voluntario e rematou por ser o primeiro «evanxelizado» na regueifa. Alí mesmo, sobre o escenario, en directo: «Eu o que quero é participar», dixo. Nunca haberá dous Territorio Regueifa igual. Esa vai ser a maior singularidade desta función teatral que coproducen Ainé, Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) e Centro Dramático Galego, e que hoxe mesmo, sábado, chega a Redondela no seu inicio de xira por Galicia. Faino co precedente de ter posto en pé ao público de Carballo, pensando aínda se o que viron foi dramaturxia, festa, concerto, charla, sesión de humor ou todo isto un pouco xunto. E iso é.

Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira, para a ocasión actores aos mandos do dramaturgo José Luís Prieto, iniciaron no berce desta arte popular, en Bergantiños, a expansión dunha especie de adicción —«ataques de rima» incluídos mais «sen efectos secundarios»— que eles mesmos confesan ao inicio do espectáculo un pouco a xeito de terapia de grupo: «... Eu... eu tamén regueifo». Sobre as táboas, os tres improvisadores avanzan niveis e superan etapas nunha sorte de xogo aliado coa música que os mantén no primeiro bloque da obra entrando e saíndo do rol teatral.

Unha das escenas da obra, evocando a primeira regueifa da historia (tal vez)
Unha das escenas da obra, evocando a primeira regueifa da historia (tal vez) ANA GARCIA

Pasan ben polos dous cabaleiros medievais que —imaxinámolo— protagonizaron a primeira regueifa da historia «alá polo mil e pico ou por aí», e pasan demasiado ben, coa sordidez xerada por unha única lámpada, por dous deses machos que un día regueifaron nas tabernas considerando que a regueifa e mesmo a vida só era cousa deles. Ata que chega a «brava» Leonarda de Tallo e pon as palabras e os homes onde debe... e a liberdade por bandeira. Chégalle para iso a Lupe Blanco un mandil e a súa voz. Foi o primeiro gran aplauso da noite.

A regueifa como baile, como pan, como xénero de debate dialéctico en verso, de vodas a bares e de aí a camaríns. Cunhas temáticas antes e outras agora, mais sempre coa mesma raíz, «o saber popular». Todo iso, e tamén as súas diversas melodías, está presente neste Territorio Regueifa que, como soaba no fío musical de agarda polo arranque, «non deixa de medrar». Dino tamén os actores cantando, entre movemento e movemento de caixóns, entre muda e muda de traxe: «O que para non avanza». Hoxe, «a regueifa está máis viva ca nunca, e adaptada aos tempos». É inclusiva. Grandes e pequenos, eles e elas, sucumben a este virus.

En Carballo, o público entendeu perfectamente os códigos e aquí non hai spoiler posible. A lingua, o monte, a sociedade, o rural e urbano, a política ou o tempo, polo alto e polo baixo, foron desfilando nesta noite «histórica» na que o que un día foi arte deostada, cousa de vellos, subiu un chanzo máis para encher un auditorio previo pago de entrada. Non hai palabras máis verdadeiras: «O que sae é o que hai, para ben e para mal, a regueifa é así». Da competición á camaradaría, da destrución á construción, mais sempre «divertimento». Se os obxectivos eran contar que é a regueifa, e pasalo ben, obxectivos cumpridos. Non é algo menor neste diluvio.

Josinho da Teixeira, Lupe Blanco e Manolo Maseda, durante a función
Josinho da Teixeira, Lupe Blanco e Manolo Maseda, durante a función ANA GARCIA

Din os regueifeiros que «o teatro é outra liga», mais non lle queda lonxe o que eles fan. Carballo púxolles o listón alto a Lupe, Manolo e Josinho facilitándolle unha restra de palabras ás que, nun instante, os tres lle sacaron punta: Arco da vella, bategada, carabullo, rosmón, molete e foliada. Non quede con elas, non forman parte da obra, senón desa segunda parte totalmente improvisada na que a cuarta parede está completamente botada abaixo.

Pouco sabe o espectador do que vai pasar, e velaí a maxia. Ás veces é mellor non saber tanto.