Pan e cultura, alimentos con forza en Carballo

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Sutil, Pérez e Suárez, na presentación do programa cultural
Sutil, Pérez e Suárez, na presentación do programa cultural BASILIO BELLO

A localidade acollerá máis de 25 espectáculos de xaneiro a maio: teatro, música, cine, danza...

19 feb 2026 . Actualizado a las 00:38 h.

Facendo unha analoxía entre o pan como alimento e a nutrición para o espírito que aporta a cultura, o Concello de Carballo, con profunda identidade panadeira e tamén longo traballo cultural, une estas dúas fortalezas no cartel do ciclo Cultura con Forza 2026. Presentaron imaxe e programación este venres, nun día frío e de choiva, «mais a cultura tamén quenta», dixo a edila Maruxa Suárez. De aquí a maio, máis de 25 propostas de teatro, música, cinema, danza ou fotografía, disciplinas diversas para públicos de todas as idades e presentes no día a día. Coma sempre, forte aposta polas producións galegas, «talento de aquí». Como primeiras citas, proxeccións do ciclo de cine euroárabe Amal en Ruta, «convite a non mirar para outro lado», apuntou Maruxa, e a agardada estrea da obra de teatro Territorio Regueifa: «En Bergantiños está moi viva».

O cantautor Amancio Prada revisando Rosalía de Castro; Memorias dun neno labrego, auténtico fenómeno de vendsa ata o momento; o humor de Carlos Blanco ou a 24.ª edición de Primavera enDanza terán cabida neste programa que completarán outras propostas como o Carballo Interplay, a Semana do Libro e a Lectura ou o Curruncho Pop. Nada sería posible, afirmou a concelleira de Carballo, sen «traballo compartido»: apoio de Xunta e Deputación, compañías, público e, dende logo, un departamento de Cultura coidando un intenso e extenso almanaque: «A cultura non é un complemento, en Carballo sempre apostamos por ela con forza».

Un calendario este que, en palabras de Daniel Pérez, alcalde carballés, «marca a diferenza en Carballo e en Galicia», tal cal fai tamén esa expresión bergantiñá «con forza», que vén a significar «fartura e fortaleza», e ademais con «espectáculos que ao mellor non é habitual ver noutros puntos do país». Para mostra, os de danza, «cultura e beleza», en palabras do rexedor, que tamén ve máis necesario ca nunca reflexionar ao fío do ciclo de cine euroárabe: «Pode que o que alí está pasando nos quede lonxe xeograficamente, pero é algo que nos afecta a toda a humanidade». Está convencido, e convida a iso, de que a asistencia será un éxito, como o está de que Carballo ten moito que ver nas cifras de espectadores que se manexan na comunidade.

«A cuestión é sumar», afirmou asemade. Sumar forzas, precisamente, que foi o que puxo en valor Jacobo Sutil, director da Agadic, referíndose á colaboración interinstitucional que fai posible este programa nun Carballo que el visita a miúdo, como espectador e para presentar ciclos de actividades: «A cultura é un deses oasis nos que distintas Administracións, aínda sendo de diferentes cores políticas, remamos todos xuntos. É algo que facilita programas máis grandes, fortes e libres». Neste caso, a participación da Xunta en Cultura con forza é a través do circuíto Rede Galega de Teatros e Auditorios, mediante a que lle achegará a este público varias funcións ata finais de abril, entre elas tres de danza: Alén, Cicatriz e BenQuerer: Fran Sieira báilalle a Caamaño&Ameixeiras, coproducións co Centro Coreográfico. Alimento para un público que medra: tivo a Rede no 2024 uns 100.000 espectadores a nivel galego, unha boa subida con respecto aos 80.000 de antes do covid.

VANESSA RÁBADE

FIOT 2025

«Territorio regueifa». Venres 6 de febreiro, 21.00 horas, Pazo da Cultura. Estrea absoluta e ademais moi agardada. Coprodución do FIOT con Ainé e Centro Dramático. Entradas á venda en ataquilla.com.

Amal en Ruta - Cine

  • Venres 30 de xaneiro. «This is Gaza», 20.00 horas.
  • Xoves 5 de febreiro. «Janin, Jenin», 20.00 horas.
  • Xoves 12 de febreiro. «The time that remains», 20.00.
  • Xoves 19 de febreiro. «Notes on displacement», 20.00
  • Xoves 26 de febreiro. «The encampments», 20.00.

Todas as proxeccións desta Mostra de Cine Euroárabe serán de balde.

Venres Culturais

  • Sábado 21 de febreiro. «Memorias dun neno labrego», de Contraproducións e CDC: 20.00.
  • Sábado 28 de febrero. «Iribarne», de Butacazero: 20.00.
  • Domingo 1 de marzo. «Voa, voa!», de Talía Teatro. Para público familiar. Ás 18.00 horas.
  • Venres 6 de marzo. «Vitória», de Iria Pinheiro: 21.00.
  • Venres 13 de marzo«O proceso», con Malasombra: 21.00.
  • Venres 20 de marzo. «A penúltima»: Carlos Blanco, 21.00.
  • Venres 27 de marzo«O dragón de ouro»: Sarabela, 21.00.
  • Domingo 29 de marzo«Bulebule», con Os Náufragos Teatro. Cita familiar, ás 18.00 horas.

Entradas e bonos á venda dende o 29 de xaneiro: billeteira.carballo.gal. Tamén se poderán mercar na billeteira física do Pazo, dende unha hora antes.

MARCOS CREO

Primavera en Danza

  • Venres 17 de abril. «Cicatriz», de Kirenia Danza: 21.00.
  • Domingo 19 de abril. «O arcón de Noa», con Amarelo Cía, para público familiar, ás 18.00 horas.
  • Venres 24 de abril. «Alén», de Colectivo Glovo: 21.00
  • Domingo 26 de abril. «BenQuerer», de Fran Sieira: 20.00.
  • Xoves 30 de abril. «El verbo», con Daniel doña (Andalucía). Espectáculo ás 21.00 horas

Amancio Prada

Venres 8 de maio. Noite de concerto, ás 21.00 horas. O cantautor berciano, con fondo vínculo a Galicia, trae a Carballo «Voces e pegadas de Rosalía de Castro».

Guilherme Costa Oliveira

A través da lente

  • Xoves 26 de marzoDocumental «Al-Nasr Al Tair»: 20.00.
  • Xoves 7 de maio. Ás 20.00 horas, acto de entrega de premios e inauguración da exposición do 28.º Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís. O día 20 deste mesmo mes, ademais, haberá unha visita guiada á mostra con Ángel Cordero: a partir das 19.30 horas.
  • Mércores 13 de maio. Documental «Cardoña, fotos a 7 pesetas», tamén ás 20.00 horas.
  • Curso de fotografía. En breve difundirase contido e datas. Todas estas citas son de balde.

Exposicións

Ana García

  • Do 12 de marzo ao 12 de abril. «Alfredo Brañas Menéndez XIX-XXI»: 125 anos do seu pasamento.
  • Do 7 de maio ao 7 de xuño. Certame fotográfico X. Manuel Eirís

Todas as exposicións poden visitarse no Pazo da Cultura, de luns a sábado, en horario de 17.00 a 21.00 horas. Acceso libre e tamén gratuíto.