Á venda dende este xoves as entradas para a obra de teatro «Territorio Regueifa»

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Lupe Blanco, Manolo Maseda, Xose A. Touriñán e Josinho da Teixeira, na obra
Lupe Blanco, Manolo Maseda, Xose A. Touriñán e Josinho da Teixeira, na obra VANESSA RÁBADE

Carballo acollerá a estrea absoluta desta coprodución do FIOT con Ainé Producións e Centro Dramático

21 ene 2026 . Actualizado a las 16:44 h.

A baixa médica de Josinho da Teixeira impediu que a estrea fose no marco da 34.ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, tal e como estaba previsto, mais chegou o momento. Este vindeiro 6 de febreiro, ás 21.00 horas, o Pazo da Cultura da capital bergantiñá acollerá a posta de longo de Territorio Regueifa, unha coprodución entre o propio FIOT, Ainé Producións e o Centro Dramático Galego. As entradas estarán á venda dende este xoves 22, a través da plataforma Ataquilla. Territorio Regueifa subirá ás táboas aos improvisadores Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Manolo Maseda, baixo a dirección de José L. Prieto. A proposta, segundo trasladan dende o FIOT e se ten contado, quere levar a maxia da improvisación a novos públicos, consolidando a regueifa como patrimonio vivo, unión de humor, emoción e coñecemento nun espetáculo que, xa teñen dado pistas, será festivo e participativo. «Se o público o pasa a metade de ben do que nós o pasamos armando todo isto...», apuntaba Lupe Blanco días atrás. Tamén Xosé Antonio Touriñán, alma máter de Ainé, deu pinceladas en Radio Voz sobre o ben que andaba quedando o proxecto. O prezo da entrada xeral é de 10 euros, mais as persoas socias de Telón e Aparte terán un desconto, aplicando o código que recibiran no seu correo para tal fin (só se poderá mercar unha entrada con desconto). 

Así, menos dun mes despois de que máis de 350 persoas ateigasen o auditorio do Pazo da Cultura de Carballo para asistir aos Premios Galegos da Regueifa promovidos por La Voz de Galicia, a capital bergantiñá, como berce que é desta arte popular, volverá erixirse en epicentro da improvisación oral.