Os gañadores da Globoteca e Un Paso Máis xa teñen os seus cheques do CCA de Carballo
CARBALLO MUNICIPIO
A entidade comercial conclúe así a súa campaña de Nadal. Agradece o apoio ao comercio local
17 ene 2026 . Actualizado a las 18:04 h.O Centro Comercial Aberto de Carballo (CCA), por medio da súa presidenta, Silvana Rama, fixo entrega este venres dos cheques correspondentes á Globoteca de Nadal. José Miguel Veiga Garrido e Vanesa Cabeza Barca foron os afortunados, e aos dous agradeceu Rama pola súa confianza e aposta polo comercio local. Tivo lugar a entrega na rúa Coruña e ambos terán seis meses, ata o 9 de xullo, para gastar os 73 cheques nos establecementos adheridos á campaña, que son ben variados: 7.300 euros no conxunto. «Un ano máis, énchenos de satisfacción comprobar a alegría e ilusión que este tipo de premios esperta nos consumidores, e que contribúe a dinamizar o comercio local, premiar a fidelidade da clientela e fomentar o consumo responsable e de proximidade», trasladou o CCA.
Tamén a entidade fixo entrega dun cheque por importe de 317 euros á agrupación Un Paso Máis. Corresponde á recadación do I peKecrossfit Inclusivo celebrado o 4 de xaneiro. Neste caso o acto levouse a cabo en Atmósfera Sport, establecemento deportivo asociado ao CCA, con participación de membros da directiva de Un paso Máis, representantes da empresa patrocinadora Vázquez y Reino e do propio CCA. Un Paso máis amosou «profunda gratitude» por este xesto e contribución.