Virxilio floreceu na Brañas Verdes

X. A. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Raúl Gómez, Blanco Quintela e Pepe Carballude, en Brañas
Raúl Gómez, Blanco Quintela e Pepe Carballude, en Brañas ANA GARCÍA

Alfonso Blanco Quintela presentou «Eneida»

17 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A obra mestra do poeta romano Virxilio, Eneida, floreceu onte na librería Brañas Verdes de Carballo coa amena presentación da tradución realizada polo carballés Alfonso Blanco Quintela. Estivo acompañado polo director da colección Vétera da editora Rinoceronte, Raúl Gómez Pato, quen cualificou de «marabilloso» o labor de verter a un galego «riquísimo» unha obra «cumio da literatura en latín».

Pepe Carballude, que foi profesor de Alfonso Branco no instituto Alfredo Brañas e lle inspirou a paixón polo latín, lembrou moitas anécdotas do seu alumno e dalgúns dos profesores comúns. Contou que en Cataluña xa se traducían aos clásicos dende 1922 e que en Galicia non se chegou a facer ata os anos oitenta. Dixo sentirse honrado por Blanco Quintela, que botou dez anos traducindo a Eneida, case 10.000 versos, e «enriquece o idioma». Alfonso Blanco mostrouse feliz e manifestou que presentaba a obra no mellor sitio, que foi un traballo que tomou con «moito respecto» e que tratou de conservar a sonoridade dos versos.