Música e literatura nutren o xa décimo Curruncho Pop de Carballo
CARBALLO MUNICIPIO
De xaneiro ata o mes de maio, serán un total de cinco citas na biblioteca Rego da Balsa
16 ene 2026 . Actualizado a las 22:15 h.Hai xa ben tempo, e Carballo nisto é un exemplo, que as bibliotecas deixaron de ser meros contedores de libros, para pasar a ser espazos plenos de vida. Simbolízao moi ben o ciclo Curruncho Pop, na biblioteca Rego da Balsa desta localidade, do que vén de presentarse a súa xa décima edición. Un decenio unindo música e literatura. Para este 2026, a concellería de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística ten preparados un total de cinco currunchos, catro arredor doutras tantas obras literarias —e con bandas creadas para a ocasión!— e un só musical, que será precisamente o primeiro, 24 de xaneiro, con Fernando Rubio & The Inner Demons. Ángeles Pacoret, edila, destacou a calidade do cartel, dirixido a todos os públicos, aos que convidou a achegarse. Pola súa banda, Daniel Pérez, alcalde, aludiu a esta décima edición que certifica o Curruncho «formato de éxito» e ás bibliotecas como «un espazo de cultura no sentido máis amplo».
Sábado 24 xaneiro: 20.00
Fernando Rubio & The Inner Demons. Rubio foi o guitarrista e compositor da banda Ferroblues, tamén guitarra da Bantastic Fand. Leva editados, co seu nome, cinco discos: música negra, folk e pop psicodélico. Trae a Carballo «Luzzy», gravado en directo. Acompañan dous dos Inner Demons, Joaquín Talismán (guitarra) e Paco del Cerro (percusión).
Sábado 21 febreiro: 19.30
«Caballos salvajes. Gran Parsons». Presentación do libro «Caballos salvajes. Gram Parsons (1968-1973)», de Jordy Puyol. Parsons pasou por The Byrds. Tivo gran peso no nacemento do chamado country rock. Recupéranse para esta xornada Os Birdiños: Pablo Leira, Ramón Saleta, Jok, Marcos Montoto e Gabrulo, con Ismael Cabaleiro ao violín e Lucía Fernas interpretando a Emylou Harris, compañeira de Parsons.
Sábado 21 marzo: 19.30
«Forajidos de la música country». Presentación do libro «Los forajidos de la música country», de Javier Márquez Sánchez. En Carballo soarán pezas de Kriss Kristofferson, Waylon Jenings e Willie Nelson, algúns dos máis carismáticos. Tamén estará HTH (Honkey Tonk Heroes), banda creada para a ocasión, con Hendrik Röever, Óscar Avendaño, Ramón Saleta, Joki e Rubén Suárez, cantante e compositor de The Family Folks.
Sábado 25 abril: 19.30
«Conversaciones con Maryní». Presentación do libro «Conversaciones con Maryní», de Esther Zecco. Descoñecida para o público, Maryní Callejo foi a produtora e directora musical de grupos e cantantes do máis sonado. Na súa honra estará en Carballo Espiño Band, grupo compostelán liderado por Alfonso Espiño. Zecco interpretará algunha peza.
Sábado 16 maio: 19.30
«Cambiar para ser un mesmo». Presentación do libro «Bibiano, cambiar para ser un mesmo», de Carlos Rigo. Foi presentado na PLIC! do pasado ano, mais agora pónselle música. Bibiano foi un «persoeiro poliédrico dentro da música», cantautor, participante de Voces Ceibes, produtor de Los Bravos... Editou tres discos, fundou a Escola de Música Contemporánea de Vigo, tivo unha promotora de concertos e abriu a sala Kremlin. Para tocar as súas cancións estará na Rego da Balsa Alfonso Espiño, acompañado polo guitarrista Xoán Piñón.