Ramón Pinheiro: «O que aconteceu en Bergantiños coa regueifa foi algo extraordinario»
CARBALLO MUNICIPIO
«Por que non levar a regueifa a centros de día, escolas de teatro, xornalismo, oratoria...» se pregunta o recén nomeado Valedor da Regueifa e director de aCentral Folque
14 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.«Vigués, músico, produtor, historiador musical. Autor da investigación Repente galego en datas temperás, cando todo este renacemento da regueifa aínda estaba por facer. Ese seu compromiso coa improvisación e os seus distintos xeitos permaneceu como director de aCentral Folque, na que a cultura popular sempre atopou xeito de espallarse, e ademais dunha maneira ben coidada».
Así presentaron a Ramón Pinheiro Almuinha o pasado sábado, cando subiu ao escenario do Pazo da Cultura de Carballo para recoller o distintivo de Valedor da Regueifa. Foille concedido no marco da quinta edición dos Premios Galegos da Regueifa, que concluíron con vitoria coristanquesa Lupe Blanco. Así o valorou onte en Radio Voz Bergantiños:
—Primeira vez que asistía a este certame EspallaRimas?
—Si, certamente a primeira. Son unhas datas singulares [ri], pero foi fantástico, a verdade.
—Como recibiu esta distinción de Valedor da Regueifa?
—Con moita sorpresa, a verdade, e tamén con alegría. Non particularmente por min, senón porque se continúen a facer cousas pola regueifa ata o punto de valorar o traballo da xente que estivemos hai uns anos afondando nestes termos. Que se recoñeza o traballo dos investigadores tamén é infrecuente. Estou contento, agradecido e sorprendido.
—Cando fixo esa investigación, imaxinaba chegar algún día a ver escolas como a Semente de Compostela ou a municipal de Carballo a pleno funcionamento?
—Ese era un pouco un dos obxectivos, pero sinceramente pensei que tardariamos aínda uns cantos anos máis en chegar ao grado de madurez, de esplendor, que vimos o outro día no concurso. Nestes últimos dez anos houbo un punto de inflexión, un salto cara adiante sorprendente.
—Cambiou ben a situación...
—Cando comecei a interesarme por estes temas, a mediados dos noventa, mirabamos eses concursos de improvisación de Euskadi aos que ía xente saída das facultades de Filoloxía e pensabamos que pretender sacar un regueifeiro das nosas facultades era ciencia ficción absoluta. Aínda tardaría máis dun decenio en aparecer Alba María.
—Vaia espectáculo nos deu!
—Así é! E gañou Lupe, e estaba tamén Nuria Penas, e Yéssica, que era a primeira vez que a escoitaba e me pareceu espectacular. Hai unha xeración de mulleres novas realmente deslumbrante, e seguramente iso estea moi relacionado con este salto cualitativo: que elas chegasen e reivindicasen ese espazo.
—Que singularidades ve no fenómeno da regueifa en Bergantiños?
—O fenómeno da improvisación hóuboo en tódalas comunidades, pero en Bergantiños foi onde se deu o salto. Onde adquiriu un grao de perfeccionamento, de espectacularización, de conciencia dese oficio artístico, aínda que fose só un complemento económico. Calviño, Costa, Celestrino... Todos eses grandes nomes foron saíndo ás cidades, ou a outros lugares da provincia, e despois chegou a televisión e [forxouse] esa imaxe xeral da regueifa. A regueifa son eles, son os de Bergantiños. Por suposto que a había en moitos outros lugares, pero o que aí aconteceu foi extraordinario e ten todo o dereito a reivindicar un espazo diferente.
—Podería dicirse que nestes estudos de Radio Voz naceu unha estrela: a primeira autónoma da regueifa, Lupe Blanco.
—Esa profesionalización paréceme interesantísima. Que a haxa entre os artistas —e, por que non, tamén nos investigadores— é un síntoma fantástico.
—Sería interesante revisitar o tema do repente e actualizar esa investigación, tendo en conta todo o sucedido estes últimos anos.
— Isto era extravagante a finais dos noventa e principios dos 2000, pero, afortunadamente, a día de hoxe hai bastantes novos investigadores que se interesaron por estes temas.
—Hai moito que indagar aínda...
—É unha práctica moi complexa, e por iso mesmo podería ter moitas adaptacións, aplicar todos eses valores noutros usos da vida. Como se podería traballar esta ferramenta nos centros de día, nas escolas de teatro, nas de dereito, nas de oratoria, nas de xornalismo, por que non... Eu vexo moita marxe para experimentar. Por que non facer arte coa regueifa? Algo que estea nos museos. Por que non facer encontros con improvisadores doutras comunidades, como a portuguesa? Pareceume fantástico o vivido o sábado, e fluíron moitas cousas pola cabeza estes días.
—Fálenos do seu traballo á fronte de aCentral Folque.
—Este ano cumprimos 25 anos, e aquí todo o que teña que ver coa música, ou en xeral coas formas de expresión patrimoniais, interésanos investigalas, e tamén aproveitalas para creacións contemporáneas. Algunha xente coñeceranos pola escola, outros porque organizamos festivais e acompañamos grupos, e outros, pola nosa colección de libros.