Lupe Blanco, vitoriosa nunha axustada final dos Premios Galegos da Regueifa
CARBALLO MUNICIPIO
Suso de Xornes, segundo clasificado na gran festa da improvisación oral celebrada no Pazo da Cultura de Carballo
12 ene 2026 . Actualizado a las 00:23 h.Xa o di o refraneiro deportivo: final repetida, final perdida. Lupe Blanco e Suso de Xornes volveron verse as caras na derradeira eliminatoria dos Premios Galegos da Regueifa, e desta banda foi a coristanquesa a que marchou para a casa co trofeo, a rosca e a boneca, sumando así o seu cuarto triunfo nun certame que alcanzou este ano a súa quinta edición.
Carballo volveu converterse onte na capital galega da improvisación oral por iniciativa de La Voz de Galicia e o apoio da Xunta, Nauterra (antes grupo Calvo) e o Concello. Foron catorce (cifra histórica) os improvisadores que sumaron talento no Pazo da Cultura, a cuxas portas xa agardaba público mesmo dúas horas antes do comezo da gala. Esta gran festa da oralidade celebrouse, pois, ante un auditorio cheo: esa foi a primeira vitoria da noite, como máis tarde admitiría a propia Lupe Blanco.
Co obxectivo de reafirmar a comarca de Bergantiños como berce desta arte popular, pero tamén para festexar a «explosión» que a improvisación oral está a experimentar en toda Galicia dende hai cousa dun decenio, a velada converteuse nun espazo de convivencia interxeracional no que confluíron veteranos como Antonio e Suso de Xornes con rapaces de curta idade que se están a formar na materia na Escola de Regueifa de Carballo e na Escola Semente de Compostela.
Correspondeulles a estes últimos abrir a gala cunhas cantas coplas de presentación e cun exercicio de improvisación en base a dúas palabras —verdade e igualdade— e a unha melodía da cantareira e pandereteira muxiá Eva Castiñeira, unha das homenaxeadas o pasado ano coas Letras Galegas. Tal melodía foi popularizada polo mestre Pinto d'Herbón, e dáse a circunstancia de que o seu fillo, Xairo, foi un dos catorce regueifeiros que onte participaron nos premios. «Esta é a xente que vén detrás, así que hai que seguir apoiándoa», comentou, ao finalizar a demostración, a directora da escola carballesa, a propia Lupe Blanco.
Chegou entón o momento de presentar aos concursantes. Algúns, repetidores, outros de estrea nesta cita carballesa: Nuria Penas (Vila de Cruces), Cristian Gómez (Burela), Mani Braga (Vigo), Xairo de Herbón (Padrón), Alba María (Vigo), Alberto Liñares (Sofán), Kike Estévez (Vigo), Carme de Lonxe (A Coruña), Óscar García (Malpica), Bieito Lobariñas (Gondomar), Yéssica Nantón (Bergantiños), Lupe Blanco (Coristanco) e Suso e Antonio de Xornes (Ponteceso). Unha boa representación do que se está a cocer no panorama galego da improvisación oral.
Despregados os catorce nunha imaxe «histórica para a regueifa», segundo dixo o locutor de Radio Voz Fran Rodríguez —encargado de presentar a gala xunto coa xornalista de La Voz Patricia Blanco— formáronse sete parellas para dar comezo á primeira quenda de coplas con temas que foron elixidos ao azar e que foi anunciando o xurado.
Ao docente e activista da improvisación oral Manolo Maseda, á tamén docente e traballadora pola regueifa Olalla Liñares, ao presidente da Fundación Eduardo Pondal, Xosé María Varela; ao estudoso da oralidade Domingo Blanco e á técnica de Cultura do Concello de Dumbría, Ana Casais, tocoulles a difícil tarefa de xulgar aos catorce participantes nas sucesivas eliminatorias ata a decisión final, que un ano máis volveu recaer no público. Mediron valores como o tempo, a axilidade, a retranca, a métrica, a rima, o uso da lingua, o discurso, a posta en escena ou a musicalidade.
A baliza, o apagón...
Turrón duro contra brando, produto de terra contra produto de mar, a utilización da intelixencia artificial para o deseño dun logotipo, a idoneidade de plantar a horta para aforrar custos na cesta da compra, o candente debate sobre a utilidade da baliza v16 ou o apagón eléctrico da pasada primavera foron os temas inaugurais antes da primeira criba, que resultou coa eliminación de Cristian Gómez, Mani Braga, Carme de Lonxe e Óscar García.
Se os temas da primeira quenda do certame deron para moito, a retranca floreceu na segunda eliminatoria, na que aos concursantes lles tocou asumir divertidos papeis como os dunha parella que decide a onde ir de viaxe de noivos, dous socios que dirimen se deixar entrar animais ao seu restaurante ou unha comisión de festas que valora se contratar unha orquestra ou unha discoteca móbil para os festexos.
Logo dunha batalla dialéctica «de notable para arriba» —así a definiu Olalla Liñares— resultaron eliminados Nuria Penas, Alberto Liñares, Kike Estévez e Bieito Lobariñas, formándose tres novas parellas de entre as que se seleccionaron outros tantos concursantes para acceder á semifinal, na que improvisaron de xeito individual. Despois dunhas coplas a conto de asuntos como o Gordo de Villamanín, os aeroportos galegos ou o nudismo nas praias, eses tres concursantes seleccionados foron Lupe Blanco, Suso de Xornes e Xairo de Herbón: «Non lembrábamos que fose tan difícil esta decisión», dixo o xurado instantes antes de dar o pase á final.
Lupe e Suso, Suso e Lupe. Volvendo ás metáforas deportivas, é o «clásico» da regueifa. De cinco finais que tiveron até o de agora os Premios Galegos da Regueifa, eles protagonizaron catro. E en tres delas, a aprendiz gañoulle ao mestre. Moito cariño e admiración se teñen profesado ambos ao longo dos anos. El, un deses veteráns que deron conta da tradición cando pasaba por horas baixas; ela, bisneta de Blanco de Muíño Seco e a primeira autónoma da regueifa en Galicia.
Houbo artillería para todos. Para as autoridades, para o público, para os presentadores e, por suposto, entre eles mesmos. Ao finalizar, fíxose entrega do distintivo Valedor da Regueifa ao vigués Ramón Pinheiro: músico, produtor e autor da investigación Repente galego, así como director da editora aCentral Folque.
Feitas as deliberacións, o público tivo que izar un cartón de cor vermella ou verde para indicar o seu gañador, un cambio na mecánica do certame que xa foi introducido na edición pasada. Este ano, non obstante, o veredicto non estivo tan claro e foi necesaria a asistencia dun membro do xurado, Domingo Blanco, para axudar no cómputo, que se decantou finalmente pola coristanquesa Lupe Blanco.